31/12/09

Hoxe non pechamos!

E logo! ...non pensariades que a Biblioteca ía pechar hoxe día 31? Pois non, claro... O que é certo, é que aínda que sempre hai cousas que contar, non sei, unha entrada adicada ás Ondas Martenot ou a un novo concurso, hoxe non farei outra cousa mais que felicitar o ano a todos e... a ver... se cadra lembrarvos que mañá ás 11'15 temos o concerto de primeiro de ano, o de Viena. Esta vez o volve dirixir Georges Prêtre, cos seus 85 anos! Por certo, Prêtre foi o director da estrea dunha composición que este ano cumplía cincuenta anos, La Voix humaine de Poulenc, obra ben representativa do Século XX. E xa vos deixo, que vai sendo tempo...

Pasádeo ben e feliz ano!

26/12/09

Xa temos gañador!

O pasado Martes 22 celebrábamos o sorteo das Encrucilladas. Non foi preciso remexer no saco máis que unha vez, e a primeira encrucillada, ademáis de estar ben resolta, tiña ao seu autor entre os presentes. Era José Joaquín Roca Pérez, o pai de Xacobe, un dos alumnos de percusión do grao profesional e que é o que sae na foto. E despois desta primeira experiencia con isto das Encrucilladas, hai que dicir que o comentario xeral foi acerca do positivo da actividade, e que o pasatempo serviu en moitos casos para coñecer unhas cantas cousas interesantes sobre a música. Nesta ligazón podedes ver a encrucillada resolta, e nesta outra a gañadora. Haberá que ir preparando a seguinte... por aquí xa temos algunhas ideas...

Ata máis ver e Bo Nadal!

16/12/09

O sorteo o pasamos para o Martes

Parece que o asunto da neve vaise levando ben, en calquera caso está a ser un día ben invernal. E como hoxe a Biblioteca só abre de xeito virtual, o sorteo das Encrucilladas non vai ser moi posible. O pasamos para o Martes 22 ás 19'30. E polo de agora máis nada, non collades frío...

Un saúdo!

13/12/09

Seica non era Jazz...

Fai uns días o meu compañeiro Pablo Coria (o blogueiro decano do Conservatorio) enviábame unha nova que como él dicía era digna dun post. O titular é ben curioso, se encaixa este calificativo... Un espectador denuncia a un músico de jazz por no tocar jazz. Resulta que no pasado Festival de Jazz de Sigüenza un espectador denunciou ao saxofonista Larry Ochs entendendo que a música que se estaba a producir non era Jazz senón música contemporánea. Ao parecer ata a Garda Civil presentouse para tratar de aclarar, máis ou menos, o asunto. A nova ten se cadra pouco comentario... aquí tedes a ligazón a nova no xornal El País, e vos deixo tamén un vídeo do saxofonista. É certo, non é o Jazz de Count Basie pero Jazz sí que o é...

Ata outra!


9/12/09

Unha semana para o sorteo!

Como vai a encrucillada? Xa sabedes cal é ese contratenor flamenco ou o instrumento electrónico monofónico? Lembrámosvos que o vindeiro Mércores 16 ás 19'30 na entrada do Concervatorio celebraremos o sorteo do pendrive. Así que se queredes participar o Mércores pronto chega...

Que vaia ben a cousa!

8/12/09

Notas para conciertos imaginarios

Unha nova lectura recomendada para vós. Notas para conciertos imaginarios é outro deses libros de peto que polo miúdo recomendamos. Como xa temos dito, as veces un libro de aspecto aparentemente só divulgativo pode ser unha lectura verdadeiramente proveitosa. Neste libro o autor, Carlos Gómez Amat, preséntanos trinta e nove concertos imaxinarios a partir das súas notas de programa. Así que en cada concerto, nas súas notas, atopamos unha pequena e moi agradable lectura da que podemos disfrutar mesmo nun anaquiño de tempo. O libro está na nosa Biblioteca e tamén na Biblioteca Pública.

Que vós aproveite!

29/11/09

Músicas Galegas de actualidade

É este o título dun ciclo de conferencias e concertos que se desenvolverá entre mañá e o vindeiro Venres 4 no Museo Provincial da nosa cidade. Estará adicado á música galega, dende Bal y Gay ata Xurxo Souto. Cada día entre as 19'30 e as 21'30 poderemos disfrutar dunha conferencia e un concerto. O ciclo o organiza a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Deputación de Lugo. Xa mañá temos o seguinte programa: Rosa María Fernández, Tradición e vangarda desde os mestres Bal y Gay e Ángel Barja: a música esquecida. ...e despois: a actuación do Cuarteto de Cordas SANTART que interpretarán os Cuartetos No. 2 e 3 de Ángel Barja. E pola miña parte unha couEnlacesa máis: que pouca promoción teñen estas actividades! Aquí tedes a ligazón ao programa do ciclo!
Un saúdo!

19/11/09

Encrucilladas!!

Aquí está a nosa primeira actividade deste ano... Encrucilladas!! Ao longo do curso publicaremos tres encrucilladas relacionadas coa música; se as resolvedes, poderedes despois participar no sorteo dun pequeno agasallo. Nesta primeira ocasión, o premio é unha memoria usb de catro gigas. O sorteo celebrarase o Mércores 16 de Decembro ás 19'30 na entrada do Conservatorio. En canto ás bases, as podedes consultar na Biblioteca ou descargar nesta ligazón. A encrucillada a podedes tamén descargar nesta ligazón ou recollela na Biblioteca...

Animádevos a participar!

11/11/09

Concerto na Coruña

O vindeiro Venres 13 ás 20'00, levarase a cabo na nosa Sala de Audiovisuais da Biblioteca a sesión de presentación do concerto da OSG do 15 de Xaneiro. A causa desta presentación está na actividade programada para esa data, unha pequena saída á Coruña para asistir a dito concerto. O obxecto da actividade, ademais de poder escoitar música en vivo, que non é pouco, é coñecer unha forma ben importante, o concerto, e neste caso, o concerto para piano e orquestra, xa que no programa atopamos o terceiro que escribiu Beethoven. Aquí vos deixo o pdf co anuncio da presentación, e aquí a ligazón á paxina da OSG onde podemos atopar a información do concerto.

Ata outra!

8/11/09

Descarga de partituras...

Xa andamos de novo por aquí. A Biblioteca sempre pide tempo, e as veces o pide todo no seu espazo físico, non no virtual. A catalogación, a posta en marcha dalgunhas actividades... o caso e que xa regresamos, e cunha nova publicación (xa sei que o de publicación soa un pouco a fachenda...), esta vez adicada aos sitios da Internet onde é posible a descarga de partituras. É este un asunto sempre polémico, o dominio público, os dereitos de autor... Ademais hai que ter en conta que a lexislación sobre esta cuestión non é a mesma en todos os países, pero Internet é un espazo común. A cousa, é certo, non sempre está clara. O caso é que aquí tedes a nosa pequena aportación, unha escolma de páxinas onde é posible de balde a descarga de parituras.

Que vos aproveite!


28/10/09

Ata o vindeiro encontro!

Xa regresei das Xornadas e o certo é que resultaron, coma sempre, moi proveitosas. Ademais de poder atopar a outros raros coma min de todo isto das bibliotecas escolares, e traer un feixe de material, están as boas ideas e reflexións que veñen conmigo no meu caderno de notas. Despois está a coidada organización, a pausa-café... En resumo, todo moi ben... Aquí vos deixo a miña pequena aportación documental e a ligazón á páxina onde podedes atopar todo o material das Xornadas.

Parabéns para toda a Asesoría de Bibliotecas Escolares!


23/10/09

Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia 2009

Hoxe as 18'00 no Palacio de Congresos de Santiago comezan as Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia 2009. Durante esta tarde e mañá Sábado, os máis ou menos mil participantes asistiremos a diversas conferencias nas que poderemos coñecer experiencias de distintas bibliotecas escolares e escoitar tamén a relatores relacionados coa ensinanza, a lectura... O tema deste ano e Novas lecturas, novos lectores. Nesta ligazón tedes o programa das Xornadas, e unha cousa máis, ao parecer van retransmitir todas as conferencias por Internet, así que estade atentos... Supoño que poderanse ver no Blog das Bibliotecas Escolares de Galicia. E nada máis, eu marcho, que aínda estou en Lugo e teño camiño por diante.

Un saúdo!

21/10/09

Empréstitos... e o carné!

Dende hoxe 21 de Outubro xa é posible solicitar o carné de lector, e o servizo de empréstito volve tamén a funcionar. Lembrámosvos que para obter o voso carné tedes que cubrir a solicitude que atoparedes na Biblioteca ou na Conserxería. Á solicitude debedes engadir unha foto. Este curso fixemos unha pequena modificación na vixencia do carné ampliándoa ata os dous anos. Lembrade que o carné só é necesario para levar materiais en empréstito; para ir á Biblioteca e estar nela, ler, escoitar música ou navegar por Internet non precisades máis que ir... ...e xa sabedes que a Biblioteca esta aberta a todos: pais e nais, alumnos e alumnas.

Un saúdo e ata pronto!

20/10/09

Nova web de Dudamel

Deixade que vos comente antes de que remate o día unha nova da que souben fai un intre. A nova web do director Gustavo Dudamel. Hai un feixe de cousas que ver: fotos, vídeos, links... aquí tedes a ligazón. Só unha cousa máis, un dos vídeos que atopamos na páxina, Mussorgsky e Ravel...

Ata outra e que a disfrutedes!


18/10/09

El libro golea al balompié

É o título dunha reportaxe que aparece hoxe no diario El País acerca das bibliotecas públicas da veciña Coruña. Resulta que un tercio dos habitantes da cidade, setenta e cinco mil persoas, posúen o seu carné de lector, superando aos trinta mil socios do Deportivo. E a cousa non é para estrañarse, son sete bibliotecas, e van a pola oitava, que abren seis días da semana mañán e tarde ofrecendo aos usuarios unha morea de servizos e actividades. Todo un exemplo, polo menos para a nosa comunidade. Eu, pola miña parte, xa sei o que é atopar, e máis dunha vez, a porta da nosa biblioteca pública pechada un Sábado pola mañá... Aquí tedes a ligazón á reportaxe.

Un saúdo!

16/10/09

En 2009 lembramos...

Dende estes días podedes atopar na Biblioteca unha pequena mostra de libros, discos e partituras dos compositores que lembramos no 2009, polo seu nacemento ou a súa morte. Mendelssohn, Tárrega, Albéniz, Gaos, Haydn, Händel, Villa-Lobos e Martinu, se non esquezo ningún. E para non rematar a cousa aquí, déixovos cun vídeo do primeiro movemento da Sinfonía Italiana de Mendelssohn. Trátase da Cologne New Philharmonic Orchestra dirixida por Volker Hartung, e ao parecer a gravación fíxose empregando unha soa cámara e mesturando despois as imaxes. Supoño que aproveitarían a forma sonata do movemento para que imaxe e son coincidisen...

Ata outra!


14/10/09

Oíches!

Na Biblioteca todos os meses recibimos a revista Variaciones, que é unha publicación que recolle información acerca de concertos, novidades discográficas, reportaxes, entrevistas... Ata esgotar os exemplares dos que dispoñemos, pódese levar cada mes unha de balde. Por certo, xa está na Biblioteca o último número...

Non agardes moito e vai por unha!

10/10/09

Certamente imprescindibles!

Xa van algúns Sábados que dunha maneira ou doutra topo cun programa da Radio Clásica de RTVE chamado Los imprescindibles, que despois de coñecelo non puiden facer outra cousa que falar del neste blogue. Emítese cada Sábado pola mañá de 10 a 11 presentado por José Luis Nieto, e cada día está a dicado a unha obra importante da historia da música que é imprescindible coñecer. Ademais da audición da obra, no programa atopamos unha extensa pero moi amena análise sobre ela. Todo isto fai un programa útil para coñecer composicións que verdadeiramente é obrigado coñecer. É preciso engadir que na Radio Clásica é posible descargar os podcasts dos programas, é dicir, os programas mesmos, o que é un servizo da radio pública que hai que agradecer, e moito. A cousa avanzou bastante dende os tempos nos que había que atoparse no día e hora da emisión dun programa, co casette preparado, co dial axustado e a antena ben orientada. Aquí vos deixo co programa emitido o 24 de Agosto, adicado aos Cadros dunha Exposición de Mussorgsky.

Ata outra!


6/10/09

Mes Internacional da Biblioteca Escolar

Xa fai algúns anos que o cuarto Luns do mes de Outubro víñase celebrando, proposto pola IASL (a International Association of School Librarianship), o Día Internacional da Biblioteca Escolar. Dende o pasado ano, e tamén a proposta desta asociación, levouse a celebración a todo o mes de Outubro. Isto foi co obxecto de termos tempo dabondo para chamar a atención acerca das bibliotecas escolares e a súa relevancia nos centros de ensino. Ademais, na IASL ofrecen uns recursos, marcapáxinas e posters, moi útiles para a promoción da biblioteca e que esperamos que poidades atopar nuns días pola nosa.

Un saúdo!

29/9/09

Comeza o curso!

Onte as aulas do Conservatorio abrían as súas portas... e a Biblioteca tamén. O seu horario de apertura no se fixará ata as primeiras semanas de Outubro, en calquera caso, todos os días atoparedes aberta a Biblioteca nas horas centrais da tarde. Do mesmo xeito, ata Outubro non será posible solicitar o carné de lector nin estará dispoñible o servizo de empréstito. En canto ao carné, este curso imos modificar o seu tempo de vixencia ampliándoo aos dous anos. Polo de agora tampouco están concretadas as actividades, concursos... Xa vos iremos informando segundo todo se vaia acomodando.

Ata pronto!

22/9/09

A Guía de Orquestra para Xoves

En 1946, o compositor inglés Benjamin Britten escribía para un programa da televisión unha obra que tiña por obxecto coñecer os instrumentos que compoñen unha orquestra. A composición levaba o título de Guía de Orquestra para Xoves: Variacións e Fuga sobre un tema de Purcell. Esta obra é, dende entón, un dos recursos máis empregados para dar a coñecer aos rapaces a orquestra como formación, e as distintas familias instrumentais que a compoñen. Britten escolleu para esta composición unha forma ben coñecida, a variación. Deste xeito, colleu un tema do compositor do Século XVII Henry Purcell para facer as variacións. A idea de Britten foi que primeiro a orquestra e as familias instrumentais presentasen o tema, e despóis cada instrumento fixera unha variación. Para rematar, unha Fuga permitiría novamente repasar todos os instrumentos escoitados nas variacións. Britten escribiu dúas versións da obra: unha cuns pequenos textos que debía ler un narrador e nos que se presentaban os instrumentos, e outra coa música soamente. Son máis ou menos dezaseis minutos de música, que ademáis é moi boa música. Na Biblioteca atoparedes unha gravación da obra e tamén a partitura. Aquí, no Blogue, recoméndovos outro recurso: un xogo estupendo que ofrece a páxina do Carnegie Hall, o auditorio da cidade de New York. O xogo chámase Listening Adventures e se trata dun xogo moi logrado no que Violet, a protagonista, debe ir á procura dos instrumentos da orquestra que se atopan perdidos pola sabana en África. Recomendable!

Ata outra!

19/9/09

O Manifesto da IFLA/UNESCO

No ano 2000 a IFLA e a UNESCO publicaban un manifesto sobre a biblioteca escolar, para chamar a atención das institucións e á sociedade en xeral acerca das bibliotecas dos centros educativos como elemento fundamental do aprendizaxe dos estudantes. O texto, publicado co título IFLA/UNESCO School Library Manifesto: The School Library in Teaching and Learning for All, é as máis das veces a primeira referencia ao falar de bibliotecas escolares xa que o seu eido vai máis alá dun só país; de feito, un dos obxectivos dos seus redactores foi que o documento se espallase o máis posible. Ao noso blogue aínda non había chegado, ata agora. Ademáis do Manifesto deíxovos unhas ligazóns a outros dous documentos: un veu da man do primeiro, as Directrices IFLA/UNESCO sobre a biblioteca escolar, e o outro penso que é tamén de interese, o Manifesto da IFLA/UNESCO sobre a Internet.

Que vos aproveite a lectura, ata outra!


7/9/09

Biblioburro

Non se trata dun xogo de palabras, senón dunha biblioteca ambulante creada por un profesor da comarca de La Gloria en Colombia. Fai xa algo máis de dez anos que o mestre de primaria Luis Humberto Soriano concebiu a idea de percorrer os pobos do norte do país cunha biblioteca móvil cargada sobre o lombo de dous burros, Alfa e Beto. Comezou con oitenta libros, e hoxe, a biblioteca deste profesor dispón de vintedous burros e centos de volumes que en tandas son prestados de nas aldeas da rexión. Sen dúbida, todo isto chama moito a atención, e debería levarnos a valorar os recursos dos que dispoñemos nas nosas bibliotecas, e sobre todo, a facer uso deles. Nesta ocasión, a frase quen llos dera a eles pode ser axeitada. Se queredes coñecer máis sobre os biblioburros aquí vos van unhas ligazóns: un artigo na Wikipedia, o seu canle en YouTube, o blogue, e un artigo no xornal El Pais publicado fai unhas semanas. Déixovos cun pequeno vídeo.

Ata outra!


1/9/09

Veoleo?

Dende a anterior entrada no Blogue pasei dúas follas do calendario, ben certo que o descanso do Verán é sempre boa cousa... imos ao asunto.
Veoleo? Pois é unha páxina que coñecín hai algúns días. Está vencellada ás bibliotecas escolares de Chile e nela podemos atopar tráileres... de libros! Si que é unha curiosa idea, non de películas, de libros. Viaxe ao centro da terra, O fantasma de Canterville, Robinson Crusoe e moitos outros. Polo de agora é posible atopar trinta títulos pero agárdanse máis. Aquí tedes un dos tráileres e a ligazón á páxina.

Un saúdo!

30/7/09

Un quilómetro de libros!

Máis en concreto 917,6 metros de estantería é o que Google durante dous anos dixitalizou do catálogo da Biblioteca de Catalunya. Esta é a ligazón á nova no xornal El País. Hai pouco sabiamos tamén do acordo entre a Biblioteca Nacional e Google para publicar os seus fondos dixitalizados en Google Books. Algo máis atras no tempo coñeciamos a Biblioteca Dixital Mundial e a Europeana. O certo e que esta nova serviume de escusa para adicar unha entrada á biblioteca catalana. Verdadeiramente merece a pena coñecela aínda que sexa de maneira virtual. Está aloxada nun fermoso edificio do Século XV que foi hospital. Ofrece un feixe de servizos aos usuarios e publican unha estupenda guía...
Supoño que para nós os galegos que estamos a poñer a camiñar a nosa Biblioteca Galega, esta así coma outras debe ser unha referencia.

Ata outra!

22/7/09

Os consellos de Schumann

Para moitos músicos coma min, os Consellos para os músicos novos. Regras para a casa e a vida de Robert Schumann eran só unhas poucas páxinas que acompañaban ao seu Álbum para a Xuventude, e que a pesar de atoparse aí, tan preto, non sempre eran obxecto da nosa atención. Schumann escribiu este texto en 1848 achegándoo despois á segunda edición do devandito álbum. Son setenta consellos, moitos ben proveitosos, que é preciso coñecer. O documento o podedes ver calcando dúas veces nel ou descargalo nesta ligazón.

Un saúdo!


18/7/09

A revista Código Cero

É posible que se andades a ler estas liñas, que son as dun blogue en galego, esta publicación poida ser do voso interese. Código Cero é unha revista elaborada en Galicia e que trata das novas tecnoloxías. Publícase mensualmente en papel pero é posible descargala de balde nun pdf. Publican un boletín diario ao que un pódese suscribir, ademais da web mesma da revista. A imaxe que acompaña a esta entrada corresponde á portada do último número, o 71, no que ocupa unha parte importante o certame Curtas na Rede 2009. Trátase dunha estupenda publicación que merece a pena coñecer.

Ata outra!

14/7/09

O fulgor e as tebras

É este o título dunha das miñas lecturas este Verán. Foi un achado nas novidades da biblioteca pública hai xa algo máis dunha semana. O libro, escrito por Francisco Xavier Redondo Abal e publicado por Laiovento este mesmo ano, trata como reza o seu subtítulo, das bibliotecas na Galicia da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil. É un traballo que enche un baleiro que había respecto a este asunto, no que atopamos o esforzo daqueles homes e mulleres das Misións Pedagóxicas por levar a cultura ata os máis pequenos recunchos da nosa terra; a creación de centos de bibliotecas en Galicia e a súa posterior destrución polas forzas sublevadas.
Para coñecer algo máis sobre as Misións Pedagóxicas podedes visitar na rede unha exposición que sobre estas organizou hai algún tempo a Residencia de Estudiantes.
Ao respecto de todo isto aquí vos vai un vídeo publicado pola Biblioteca Nacional acerca da enorme labor feita polos que traballaban alí durante eses anos para protexer os libros das bombas que caían sobre a capital.

Un saúdo!


6/7/09

Ray Bradbury ao rescate!

Hai algunhas semanas podíase ler na revista cultural Ñ un artigo acerca do escritor Ray Bradbury. O artigo procedía ao mesmo tempo doutro publicado no diario New York Times. No texto atopamos a participación de Bradbury, aos seus 88 anos, na loita por impedir o peche da Biblioteca H.P. Wright da cidade de Ventura, en California. Ademais, no artigo podemos coñecer a opinión do escritor sobre algúns asuntos como as bibliotecas e a Internet. En canto ás bibliotecas, di que nelas é onde se atopa a verdadeira educación dos rapaces, non nas universidades. O escritor conta como non puido ir á universidade, ao rematar a ensinanza secundaria no tempo da gran depresión, pero sí puido ir á biblioteca pública tres días á semana durante dez anos obtendo así a súa formación; esta experiencia é, se cadra, a orixe deste severo xuizo sobre a educación.
Permitídeme agora unhas poucas palabras acerca de Fahrenheit 451, a obra máis senlleira de Bradbury e unha referencia en canto á lectura e á liberdade de acceso aos libros. Fahrenheit 451 foi publicado en 1953 e levado ao cine en 1966 por François Truffaut cunha estupenda música do compositor Bernard Hermann...
...e levado ao YouTube en 2009 nunha película de animación de Zach Endres que é o que podedes ver abaixo.

Ata máis ver!


30/6/09

O dicionario e-Estraviz

A Associaçon Galega da Língua, impulsora da normativa reintegracionista, ven de publicar nestes días o dicionario electrónico Estráviz. Trátase dun recurso que recolle 121.505 entradas da nosa lingua, coa particularidade de que é posible realizar a busca dunha palabra correspondente á normativa ILG-RAG e o dicionario a relacionará coa mesma palabra pero de acordo á normativa reintegracionista. Aquí, no Blogue, tedes unha pequena caixa de pesquisa ligada ao dicionario.

Ata outra!

29/6/09

Feiras e festivais!

No Verán, xa sabedes, e doado atopar un feixe de actividades culturais. Aquí, en Lugo, temos nos vindeiros días unhas ven interesantes, imos ver...
  • O festival de música Via Stellae. En Lugo poderemos disfrutar dalgúns dos concertos programados nesta cuarta edición do festival; serán no Círculo das Artes os días 7, 9 e 15 de Xullo.
  • A Feira do Libro Antigo entre o 4 e o 19 tamén do vindeiro mes.
  • O programa Cultura Aberta organizado pola Deputación de Lugo.
Un saúdo!

24/6/09

A biblioteca, o lugar dos achados

Este é o título, traducido do castelán, dun artigo sobre as bibliotecas que aparecía no xornal mexicano La Jornada. O texto é do físico e divulgador científico Juan Nepote, e verdadeiramente que o achado foi tamén para min respecto ao texto e ao autor. Esta é a ligazón ao artigo no xornal, e esta é outra a un texto tamén de Nepote, que é para non perderse, acerca dos museos científicos e no que poderiamos trocar museo por biblioteca...
E xa que nesta entrada marchamos para o outro lado do Atlántico, aproveito para amosar o fermoso edificio da Biblioteca Central da UNAM, a Universidad Nacional Autónoma de México

Ata máis ver!

22/6/09

10 Poemas Musicados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística estreaba fai pouco unha web adicada aos ENDL, é dicir, aos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros educativos. Na web somos quen de atopar nestes días un traballo desenvolvido polo IES Poeta Añón. Trátase dunha escolma de dez poemas musicados de Xose María Álvarez Blázquez, o autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2008. Os poemas poden descargarse nun pdf. É un traballo certamente moi coidado que merece a pena coñecer.

Un saúdo!

19/6/09

...para o Verán

E aquí imos nós! ...da man doutras moitas bibliotecas escolares publicamos a nosa primeira guía de lectura, neste caso adicada ás vindeiras vacacións do Verán. Se queredes ver a guía en pantalla completa so tedes que calcar dúas veces no documento, e se a queredes descargar o podedes facer nesta ligazón. E non vos esquezades de visitar o blogue das Bibliotecas escolares de Galicia onde hai moitas outras guías elaboradas por colexios, institutos...

Un saúdo!



16/6/09

Axudar a Lydia!

Non sei, se cadra o xogo gustoume de xeito particular porque moitas veces na biblioteca andiven coma a nosa protagonista, é dicir, a fume de carozo... Lydia é unha bibliotecaria que debe atender a un feixe de rapaces que a cada intre piden libros e máis libros. O xogo chámase Lightning Librarian... a imaxe é a da primeira partida que xoguei, só 1800 puntos, hai que mellorar!

Ata outra!

13/6/09

Como non, en Google

Nestes días liamos nos xornais acerca do acordo entre Google e a Biblioteca Nacional para publicar os seus fondos dixitalizados nos Google Books, por certo, os proxectos da Biblioteca Nacional a medio prazo en canto á incorporación das novas tecnoloxías soan bastante ben, aquí tedes unha ligazón para que poidades ler sobre isto. O caso é que hoxe, mergullándome no catálogo de libros de Google atopei as Actas do primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires en 1956. Foi un encontro de diversas colectividades e intelectuais emigrados ou exiliados que se atopaban espallados por toda América. Entre os asistentes, dos que atopamos textos no documento, estaban Ramón Piñeiro e Jesús Bal y Gay. Podemos acceder ao facsímile, e descargalo nun pdf, na páxina do Consello da Cultura Galega ou, como non, no servizo do voraz Google...

Un saúdo!

11/6/09

Como se fai unha lingüeta?

Hoxe, navegando pola Internet, topei coa páxina de Vandoren que é unha das máis senlleiras empresas de fabricación de lingüetas para os instrumentos de vento madeira coma o Clarinete ou o Saxofón. O certo e que andaba á procura dunha imaxe sobre o proceso de construción das lingüetas, e así, dun resultado a outro, carguei no navegador a páxina da marca francesa. En resumo, teñen unha presentación ben estupenda; unha animación que vai describindo todo o proceso de construción dunha lingüeta... Sexades ou non da familia destes instrumentos, merece a pena ir visitar esta páxina.

Ata outra!

10/6/09

O xogo da curuxa

É o nome dun novo xogo que ven de poñer na Internet a Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Engádese aos outros dous que xa tiña, o Trivial.gz e o Letrad@s.gz. Polo de agora só e posible xogar contra a máquina, aínda que en pouco tempo agárdase que sexa posible facelo entre varios xogadores na rede.

Que os disfrutedes!

7/6/09

As bibliotecas rexurden coa crise!

Este é o título, en castelán, dun artigo do Magazine do periódico El Mundo que podemos ler hoxe. O articulista fai un moi completo percorrido pola situación actual das nosas bibliotecas. Esta é a ligazón ao artículo na súa versión dixital.

Ata outra!

5/6/09

Máis imaxes da entrega de premios!

Aquí tedes outra imaxe da entrega de premios do concurso de marcapáxinas. O rapaz fondo da imaxe non é un dos participantes... hai que aclaralo... Bromas aparte, de esquerda a dereita o gañador Miguel Aira Rodríguez, o segundo premio Denís Blanco Carbón, Sebastián García Mouret un dos participantes que recolleu o seu diploma, e Marina Isabel Riesco Amurrio que acadou o terceiro premio.


Un saúdo!

Singular concurso!

Fai uns días sabía dunha convocatoria se cadra algo particular, a dun concurso de curtametraxes sobre bibliotecas. A convocatoria é da Consejería de Cultura y Patrimonio Histórico y Cultural del Cabildo de Gran Canaria; o nome do concurso é Bibliotecas al minuto. As bases as podedes consultar nesta ligazón e aquí vos vai tamén outra á noticia no diario dixital canariasaldia.com. A iniciativa pretende apoiar a produción audiovisual e recoller novas achegas en relación con diferentes visións sobre as bibliotecas e a lectura. O prazo de presentación dos traballos remata o 31 de Agosto.

Ata outra!

3/6/09

Ata a volta!

O Luns máis ou menos ás nove e cuarto, a biblioteca pechaba as súas portas ata o vindeiro curso. Alí quedaban os marcapáxinas do concurso, a mostra de material galego, o curruncho de lectura... En calquera caso, nós agardamos seguir por aquí, pola Blogosfera, coa maior regularidade que o obrigado descanso permita. Pola nosa parte, e ao xeito de peche do curso, unha cita e unha viñeta que espero que anime, a primeira, á lectura, e a segunda que sexa a vosa fotografía calquera día deste Verán.


...abrir un libro non precisa electricidade. Nin un aparello gris de plástico no que hai que inserir un disco, nin un protocolo de software, nin contrasinal. Podes levalo á cama ou á praia, lelo cunha lanterna baixo as sabas, botarlle area e non se estragará. A inigualable cualidade do libro é a súa inmediatez. Nada hai entre a páxina impresa e nós. Nada hai entre min e a miña lectura, salvo os meus lentes. O libro ten un brillante porvir ante el.

Brian Lang,
Director Xeral da British Library entre 1991 e 2000















Un saúdo!

1/6/09

Xa os entregamos!

O pasado Mércores celebramos o pequeno acto de entrega de premios do concurso de marcapáxinas. Foi breve pero xa sabemos como é o dito popular... O caso e que se achegaron todos os premiados e as súas familias, así como outro dos participantes que recolleu o seu diploma de consolación. Ademais unha das alumnas de sexto curso do grao profesional, da especialidade de Frauta e que xa remata os seus estudos no Conservatorio, María Neira, pechou o acto interpretando un dous números da Suite para frauta soa O paxaro mecánico, do compositor coruñés Paulino Pereiro. O que agardamos é, o vindeiro curso, ter que escoller entre moitos traballos nunha nova convocatoria do concurso.

Ata máis ver!

26/5/09

Entrega de premios!

Mañá Mércores ás 18'30 na Biblioteca terá lugar o acto de entrega de premios e diplomas do concurso de marcapáxinas. Agardamos a vosa compaña...

Un saúdo!

23/5/09

Os marcapáxinas do concurso!

Xa temos aquí todos os traballos presentados ao concurso. Os dez marcapáxinas. Esperamos que nuns días poidan contemplarse na Biblioteca pero non virtualmente.

Ata máis ver!


20/5/09

Premiados no I Concurso "Día do Libro" 2009


Xa temos gañador no concurso de marcapáxinas!
Miguel Aira Rodríguez, que acadou co seu estupendo traballo, o que podedes ver ao carón destas liñas, o primeiro premio do xurado. Acompañárono Denís Blanco Carleón e Marina Isabel Riesco Amurrio co segundo e terceiro premio respectivamente. Podedes contemplar xa os seus marcapáxinas e de aquí en pouco tempo tamén os outros traballos presentados. Lembrámosvos que a entrega dos premios terá lugar na propia Biblioteca nun acto público, e que o centro contactará cos premiados para concretar a data e a hora deste acto. Os participantes non premiados recibirán un diploma de participación que tamén se entregará no devandito acto.


Parabéns!


Fallo do I Concurso "Día do Libro" 2009

Hoxe fállase o I Concurso "Día do Libro" 2009 de marcapáxinas. O nome dos gañadores publicarase á tardiña nos taboleiros do Conservatorio e neste mesmo blogue. Lembramos aos participantes que a entrega dos premios terá lugar na Biblioteca nun acto público, e que o centro contactará cos gañadores para concretar a data e a hora deste acto.


Moita sorte!

19/5/09

XVII Feira do Libro de Lugo


O Sábado inaugurouse na Praza Maior de Lugo a XVII Feira do Libro. Ata o vindeiro Domingo poderemos disfrutar, ademais das casetas cos libros sempre algo rebaixados de prezo, das diversas actividades que se organizan: concursos, presentacións de libros, contacontos...
Esta é a ligazón ao programa da feira.

Un saúdo!

15/5/09

Concerto da Orquestra de Frautas de Galicia

Mañá Sábado ás 19'00 no Centro Social Municipal de Fingoi en Lugo terá lugar un novo concerto da Orquestra de Frautas de Galicia. Interpretarán música de Albinoni, Mozart, Telemann e Doppler. Será outra boa ocasión de disfrutar desta pouco coñecida pero ben interesante formación. Por certo, o cartel abofé que o traballaron... deíxovos aquí a ligazón para que poidades ver o que agochan os píxeles... aquí vos vai tamén outra ligazón ao programa do concerto.

Que o disfrutedes!

11/5/09

Exposición sobre Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou este ano con motivo das letras Galegas un concurso para a elaboración dunha exposición sobre a obra, época e lingua de Ramón Piñeiro. O gañador na categoría de Educación Secundaria foi o IES de Beade en Vigo, e o de Educación Primaria foi o CRA Mestre Manuel Garcés de Tomiño en Pontevedra. Todos os carteis e os materiais didácticos pódense descargar na páxina do IES de Beade ou na da Secretaría de Política Lingüística... e nós organizamos unha pequena e sinxela exposición cos elaborados polo IES que podedes contemplar no andar superior do Conservatorio detrás da Biblioteca. Déixovos tamén os carteis da exposición para que os vexades dende aí...

Un saúdo!

10/5/09

Ben falado!

O coñecedes? ...é un microespazo da Televisión de Galicia adicado á lingua galega que se emite de Luns a Venres máis ou menos as 15'30. O programa esta dirixido e presentado polo académico e secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Xesús Ferro Ruibal. O seu contido é moi variado, curiosidades do léxico ou da gramática, ditos, o desenvolvemento da nosa lingua na sociedade... Ademáis na Televisión de Galicia dispoñemos da posibilidade de volver ver os programas na súa web na sección á carta.

Un saúdo!

8/5/09

17 de Maio... tamén o Día de Internet

O día 17 imos andar algo apurados coas celebracións xa que ademais das Letras Galegas celébrase o Día de Internet das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Na rede atopamos dúas páxinas ben interesantes e ben cheas de recursos, diadeinternet.org e a web da campaña +internet+galego+futuro 2009 organizada pola Consellería de Economía e Industria. Unha das actividades máis salientables para nós os músicos e que atopamos na primeira das páxinas citadas, é o Concerto en liña e o Concurso Internacional de Composición... déixovos este vídeo que o explica.

Ata outra!


7/5/09

Mostra de material galego

Máis cousas sobre as Letras Galegas... dende onte pola tarde podemos contemplar na Biblioteca unha pequena mostra de material galego e unha lembranza a Ramón Piñeiro. O texto acerca de Piñeiro, que podedes levar, o atoparedes na mesa da fotografía nunha pequena folla de cor azul. Tamén é posible descargalo nesta ligazón.

Ata máis ver!

6/5/09

Letras Galegas 2009... achegámonos!

O vindeiro Domingo 17 deste mes de Maio celebramos o Día das Letras Galegas, adicado este ano ao ensaísta e político Ramón Piñeiro. Este día comezou a celebrarse no ano 1963 coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Dende ese ano, a Real Academia Galega adica esta celebración a unha figura senlleira da literatura galega. Na Internet hai unha morea de referencias, tanto a Piñeiro coma á celebración en si. Aquí vos van algunhas ligazóns...
Xa vos iremos contando máis cousas acerca deste día...

Un saúdo!


29/4/09

A familia Pistracas

É o nome da familia protagonista dunha nova web da Rede de Bibliotecas de Galicia. Na páxina, adicada aos máis pequenos, podemos atopar contos, ilustrados e con son, xogos, fondos de escritorio para descargar... Aquí vos vai a ligazón.

Ata outra!

18/4/09

Un premio para o noso Blogue!

Fai uns días que recibimos do noso blogue veciño henarmonia o premio Olha que blog maneiro!. É certamente unha moi xeitosa forma de premiar o traballo na blogosfera. O premio ten unhas regras...
  • Amosar a imaxe Olha que blog maneiro!
  • Mencionar o blogue que che deu o premio
  • Mencionar os blogues que premias ti
  • Comunicarllo aos premiados
  • Publicar as regras
  • Comprobar que os blogues premiados seguen as regras
Moitas gracias a Henar e un saúdo aos compañeiros do outro blogue premiado, o da Orquestra de Frautas de Galicia. Por certo, a nosa mención é para un blogue tamén dunha biblioteca escolar, a do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes...

Biblioteca Ollos Grandes

Un saúdo!

16/4/09

Cómo escuchar la música

As veces, o libro máis proveitoso non é un de moitas páxinas e tapa dura, senón un pequeno, de peto, e de aspecto se cadra pouco científico. Este podería ser o caso de Cómo escuchar la música do compositor americano do século XX Aaron Copland. Nos libros sobre música escritos por compositores percíbese sempre un punto de vista moi particular, o da persóa que trata coa música decotío, non para elaborar clasificacións e teorías senón corcheas e semicorcheas. O libro trata moitos aspectos da música, a harmonía, a melodía, as formas, etc. Unha lectura ben recomendable...
Se queredes coñecer máis sobre Copland, aquí tedes a ligazón ao artigo sobre él na Wikipedia.

Un saúdo!

4/4/09

Xuventude Galiza Net 2009

Hoxe as 09'00 comezaba a décima edición de Xuventude Galiza Net. O encontro está a ter lugar no Multiúsos Fontes do Sar de Santiago de Compostela, e aínda que está centrado na informática celébranse ademáis outras moitas actividades. Por se vos interesa o asunto, o encontro remata o Domingo ás 19'00... aquí tedes a emisión en directo...

Un saúdo!

29/3/09

Concerto de Lang Lang na Internet

Hoxe Domingo as 20'00 poderemos disfrutar dun concerto en directo do pianista Lang Lang na Internet. Será no Konzerthaus de Dortmund e o programa incluirá música de Schubert, Bartók, Debussy e Chopin. Esta é a ligazón ao programa, e esta outra á páxina onde poderá verse o concerto. En calquera caso, supoño que será precisa unha boa conexión a Internet para ver sen atrancos o concerto, pero é xa boa cousa o feito de dispoñer da opción de disfrutar de balde destes prestixiosos intérpretes... a ver como vai o asunto.

Ata máis ver!

24/3/09

Chega o cine á Biblioteca!

Dende onte xa temos cine na Biblioteca. A primeira incorporación ao noso catálogo é Amadeus, ben coñecido longametraxe acerca de Mozart. Agardamos ir incorporando novos títulos nas vindeiras semanas... xa vos contaremos...

Un saúdo!

21/3/09

A nosa Biblioteca na Wikipedia!

A Biblioteca do CMUS de Lugo está xa na Galipedia, a versión en galego da Wikipedia. É un pequeno artigo que recolle información diversa sobre a súa situación, organización, servizos... Aquí tedes a ligazón.

Ata outra!

14/3/09

I Concurso "Día do Libro" 2009

Na Biblioteca convocamos o I Concurso “Día do Libro” 2009. Esta primeira edición está adicada á elaboración dun marcapáxinas co tema dos instrumentos da música tradicional galega. Os premiados recibirán un agasallo e un diploma. Ademáis, o marcapáxinas gañador será reproducido e distribuido nas bibliotecas públicas de Lugo. Podes consultar as bases nos taboleiros do conservatorio ou descargalas nesta ligazón. O concurso está aberto a todos os alumnos e alumnas do centro.

Anímate a participar!

4/3/09

Piano: La historia de un Steinway de gran cola

É este un libro ben curioso que conta todo o proceso de construción dun piano Steinway de gran cola, dende que non é máis que uns listóns de madeira ata a súa intervención nun festival internacional de música. O seu autor é James Barron. Unha lectura sen dúbida ben recomendable que xa está na nosa biblioteca.

Ata máis ver!

3/3/09

Estudo acerca das bibliotecas públicas

Onte en culturagalega.org podiase ver unha nova acerca dun estudo que a revista Consumer Eroski realizou sobre as bibliotecas públicas do estado. Segundo o estudo, as bibliotecas públicas da nosa veciña Coruña están entre as mellores de todo o territorio español. Aquí tedes o ligazón á nova... por certo, na páxina da devandita revista é posible descargar o estudo nun pdf, este é o ligazón.

Un saúdo!

11/2/09

Botade unha ollada!

ALA e o acrónimo de American Library Association. Onte navegando pola Internet atopei esta fotografía que corresponde ao seu último encontro que tivo lugar en Denver. Non puiden facer outra cousa que lembrarme do noso curruncho de lectura, o parecido chama a atención! A imaxe a podedes ver nun album do ALA Midwinter Meeting 2009 en flickr.

Ata outra!

3/2/09

Concerto de Aninovo 2009

Pouco máis dun mes e xa temos na mesa de novidades da biblioteca o DVD que recolle o tradicional Concerto de Aninovo da Orquestra Filharmónica de Viena, este ano dirixida por primeira vez por Daniel Barenboim. Envíovos o ligazón ao rexistro no noso catálogo e outro a unha páxina propia do concerto que publicaron os de Decca.

Disfrutádeo!

1/2/09

Dicionario de Galego

Dende hai algún tempo dispoñemos na rede dunha boa ferramenta; trátase do Dicionario de Galego da editoral Ir Indo que é posible de balde consultar en liña. É sen dúbida un recurso moi útil cando traballamos co ordenador e dispoñemos de conexión a Internet, poidendo ter a páxina do dicionario sempre aberta no navegador indo a ela cando sexa preciso. Aquí tedes o ligazón.

Ata outra!

16/1/09

¿Quen dixo crise?

Na biblioteca queremos fomentar o emprego das desideratas coma un xeito de que o noso catálogo medre, e tamén de facer posible que os usuarios e usuarias poidan disfrutar aqueles libros, discos, revistas, etc. que desexen sen ter que mercalos, algo sen dúbida ben práctico. Deste xeito, hai xa algúns días que é posible atopar polos pasillos do conservatorio uns cartéis para lembrar a toda a comunidade que isto das desideratas existe...

...así que como din estes cartéis, se o peto non anda ben para andar a mercar libros ou discos, pois pedilos na biblioteca!

¿Quen dixo crise?