28/10/09

Ata o vindeiro encontro!

Xa regresei das Xornadas e o certo é que resultaron, coma sempre, moi proveitosas. Ademais de poder atopar a outros raros coma min de todo isto das bibliotecas escolares, e traer un feixe de material, están as boas ideas e reflexións que veñen conmigo no meu caderno de notas. Despois está a coidada organización, a pausa-café... En resumo, todo moi ben... Aquí vos deixo a miña pequena aportación documental e a ligazón á páxina onde podedes atopar todo o material das Xornadas.

Parabéns para toda a Asesoría de Bibliotecas Escolares!


23/10/09

Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia 2009

Hoxe as 18'00 no Palacio de Congresos de Santiago comezan as Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia 2009. Durante esta tarde e mañá Sábado, os máis ou menos mil participantes asistiremos a diversas conferencias nas que poderemos coñecer experiencias de distintas bibliotecas escolares e escoitar tamén a relatores relacionados coa ensinanza, a lectura... O tema deste ano e Novas lecturas, novos lectores. Nesta ligazón tedes o programa das Xornadas, e unha cousa máis, ao parecer van retransmitir todas as conferencias por Internet, así que estade atentos... Supoño que poderanse ver no Blog das Bibliotecas Escolares de Galicia. E nada máis, eu marcho, que aínda estou en Lugo e teño camiño por diante.

Un saúdo!

21/10/09

Empréstitos... e o carné!

Dende hoxe 21 de Outubro xa é posible solicitar o carné de lector, e o servizo de empréstito volve tamén a funcionar. Lembrámosvos que para obter o voso carné tedes que cubrir a solicitude que atoparedes na Biblioteca ou na Conserxería. Á solicitude debedes engadir unha foto. Este curso fixemos unha pequena modificación na vixencia do carné ampliándoa ata os dous anos. Lembrade que o carné só é necesario para levar materiais en empréstito; para ir á Biblioteca e estar nela, ler, escoitar música ou navegar por Internet non precisades máis que ir... ...e xa sabedes que a Biblioteca esta aberta a todos: pais e nais, alumnos e alumnas.

Un saúdo e ata pronto!

20/10/09

Nova web de Dudamel

Deixade que vos comente antes de que remate o día unha nova da que souben fai un intre. A nova web do director Gustavo Dudamel. Hai un feixe de cousas que ver: fotos, vídeos, links... aquí tedes a ligazón. Só unha cousa máis, un dos vídeos que atopamos na páxina, Mussorgsky e Ravel...

Ata outra e que a disfrutedes!


18/10/09

El libro golea al balompié

É o título dunha reportaxe que aparece hoxe no diario El País acerca das bibliotecas públicas da veciña Coruña. Resulta que un tercio dos habitantes da cidade, setenta e cinco mil persoas, posúen o seu carné de lector, superando aos trinta mil socios do Deportivo. E a cousa non é para estrañarse, son sete bibliotecas, e van a pola oitava, que abren seis días da semana mañán e tarde ofrecendo aos usuarios unha morea de servizos e actividades. Todo un exemplo, polo menos para a nosa comunidade. Eu, pola miña parte, xa sei o que é atopar, e máis dunha vez, a porta da nosa biblioteca pública pechada un Sábado pola mañá... Aquí tedes a ligazón á reportaxe.

Un saúdo!

16/10/09

En 2009 lembramos...

Dende estes días podedes atopar na Biblioteca unha pequena mostra de libros, discos e partituras dos compositores que lembramos no 2009, polo seu nacemento ou a súa morte. Mendelssohn, Tárrega, Albéniz, Gaos, Haydn, Händel, Villa-Lobos e Martinu, se non esquezo ningún. E para non rematar a cousa aquí, déixovos cun vídeo do primeiro movemento da Sinfonía Italiana de Mendelssohn. Trátase da Cologne New Philharmonic Orchestra dirixida por Volker Hartung, e ao parecer a gravación fíxose empregando unha soa cámara e mesturando despois as imaxes. Supoño que aproveitarían a forma sonata do movemento para que imaxe e son coincidisen...

Ata outra!


14/10/09

Oíches!

Na Biblioteca todos os meses recibimos a revista Variaciones, que é unha publicación que recolle información acerca de concertos, novidades discográficas, reportaxes, entrevistas... Ata esgotar os exemplares dos que dispoñemos, pódese levar cada mes unha de balde. Por certo, xa está na Biblioteca o último número...

Non agardes moito e vai por unha!

10/10/09

Certamente imprescindibles!

Xa van algúns Sábados que dunha maneira ou doutra topo cun programa da Radio Clásica de RTVE chamado Los imprescindibles, que despois de coñecelo non puiden facer outra cousa que falar del neste blogue. Emítese cada Sábado pola mañá de 10 a 11 presentado por José Luis Nieto, e cada día está a dicado a unha obra importante da historia da música que é imprescindible coñecer. Ademais da audición da obra, no programa atopamos unha extensa pero moi amena análise sobre ela. Todo isto fai un programa útil para coñecer composicións que verdadeiramente é obrigado coñecer. É preciso engadir que na Radio Clásica é posible descargar os podcasts dos programas, é dicir, os programas mesmos, o que é un servizo da radio pública que hai que agradecer, e moito. A cousa avanzou bastante dende os tempos nos que había que atoparse no día e hora da emisión dun programa, co casette preparado, co dial axustado e a antena ben orientada. Aquí vos deixo co programa emitido o 24 de Agosto, adicado aos Cadros dunha Exposición de Mussorgsky.

Ata outra!


6/10/09

Mes Internacional da Biblioteca Escolar

Xa fai algúns anos que o cuarto Luns do mes de Outubro víñase celebrando, proposto pola IASL (a International Association of School Librarianship), o Día Internacional da Biblioteca Escolar. Dende o pasado ano, e tamén a proposta desta asociación, levouse a celebración a todo o mes de Outubro. Isto foi co obxecto de termos tempo dabondo para chamar a atención acerca das bibliotecas escolares e a súa relevancia nos centros de ensino. Ademais, na IASL ofrecen uns recursos, marcapáxinas e posters, moi útiles para a promoción da biblioteca e que esperamos que poidades atopar nuns días pola nosa.

Un saúdo!