A Biblioteca é un lugar de aprendizaxe permanente, de información, opinión, entretemento e lecer. Un espazo de encontro de toda a comunidade educativa.
O certo é que esta entrada era parte da anterior, a adicada aos 25 anos do comezo da Radio Galega, pero cando estaba a escribir o que ides ler a continuación, pensei que era unha nova que debía ocupar unha entrada propia, así que imos... ...é que onte, Martes, Cristina Novoa, unha das nosas asesoras nisto das bibliotecas escolares xunto a Pilar Sampedro, participaba no espazo Biblioteca Aberta que se emite na Radio Galega dentro do programa Galicia por diante, máis ou menos ás 11'30 de Luns a Venres. Falou do Plan de mellora de bibliotecas escolares, do fomento da lectura, das actividades de formación do profesorado... En resume, un estupendo traballo o que levan a cabo todos os que compoñen a Asesoría de bibliotecas escolares. Aquí vos vai a ligazón á paxina da RG na que podedes escoitar o programa.
Hoxe, ou onte para ti, lector ou lectora, a nosa Radio Galega celebra os vintecinco anos do comezo das súas primeiras probas de emisión. Era o Domingo 24 de Febreiro de 1985 que coincidía ademais co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Aquí tedes a ligazón ao web que adicaron na RG á celebración, que por certo está ben interesante.Déixovos coa nova que viamos hoxe no Telexornal. ...parabéns para a nosa radio pública e a lembranza para Rosalía...
Eu espero que si! É o marcapáxinas gañador do noso concurso do pasado ano. Dende hai uns días xa temos a súa reprodución na nosa Biblioteca, e agardamos ir pouco a pouco atopando este estupendo traballo do noso violista Miguel Aira Rodríguez nas bibliotecas públicas e librerías da nosa cidade. Estamos xa a traballar no concurso de este ano... xa vos iremos contando...
Manuel Quiroga? ...pois é o nome do Conservatorio de Pontevedra. E quen foi Manuel Quiroga? ...supoño que sería algún músico da cidade. Se cadra esta conversa a alguén pode resultarlle algo absurda, como non saber quen foi Manuel Quiroga? Pero xa sabemos que as veces os nosos músicos non son coñecidos e recoñecidos dabondo. Igual é unha opinión moi persoal e un exemploalgo inapropiado, pero Veiga, Montes, Freire, Groba, Quiroga, Gaos, etc. deberían ser tan coñecidos, alomenos entre nós, coma o Cocido, o Faro de Fisterraou o Encaixe de Camariñas. Ao que vamos... Manuel Quiroga foi un moi importante violinista, compositor e pintor pontevedrés do comezo doSéculo XX. Como intérprete, igual isto ilustra axeitadamente o seu valor: no verán de 1911, un xurado presidido por Gabriel Fauré concedía a Quiroga, que tiña dezanove anos, o primeiro premio de violín do Conservatorio de París, nada menos! Quiroga é xunto a Sarasate e Casals dos máis importantes instrumentistas de arco da historia do noso país. En 1937, o músico era atropelado en Nova York acabándose a súa vida como intérprete. As súas gravacións non son moitas pero chegan para apreciar o bo músico que foi Quiroga. Fai algún tempo o selo Ouvirmos publicaba dous libro-discos adicados ao violinista e á súa muller, a pianista francesa Marta Leman. E agora os temos xa na nosa Biblioteca. Fai algúns días o noso compañeiro Pablo Coria nun comentario falábanos destes libro-discos, e dun libro editado pola Deputación de Pontevedra adicado ao violinista. Dicir para rematar que hai na actualidade un cuarteto que leva o seu nome, o Cuarteto Quiroga, que no seu web teñen una biografía bastante completa do músico, e que este ano teñen dous concertos programados en Galicia: un na Coruña en Marzo e outro en Ourense correspondente ao ciclo de música de cámara Sen batuta.
Martes 23 de Marzo ás 18'30. Esta é a data na que programamos a inauguración da nosa zona oficial Bookcrossing. Xa comezamos tamén a repartir unhas pequenas follas informativas e agardamos ir pouco a pouco acumulando libros e rexistrándoos para poder liberalos ese día. En calquera caso xa sabedes que podedes rexistralos vós mesmos; no web oficial de Bookcrossing en España hai etiquetas de moitos tipos para os libros, para a portada, para o lombo, marcapáxinas... trátase de que quen vexa o libro non pense que se trata dun libro perdido. A imaxe, por exemplo, que vedes nesta entrada é a dunha destas etiquetas.
Xa está publicada a encrucillada deste segundo trimestre! Nesta ocasión sorteamos unha estupenda webcam... a que aparece na imaxe, que é a do cartel que colgamos polo centro. Hai que dicir que fixemos dúas modificacións nas bases: os vosos datos podédelos escribir na mesma folla da encrucillada, e esta a podedes botar, sen sobre algún, na caixa que temos para isto na Biblioteca. A ver como vai a cousa... Nós, o certo é que esperamos que esta nova encrucillada sirva outra vez para que vos mergulledes nos libros, e no inevitable Google, na procura das respostas correctas. A encrucillada a podedes descargar nesta ligazón ou recollela na Biblioteca, e as bases o mesmo, nesta ligazón ou na propia Biblioteca.
Se non sabes de que vai isto, o bookcrossing é unha práctica que consiste en deixar libros en lugares públicos para que outros os recollan, os lean, e os volvan deixar no mesmo ou noutro lugar. Os libros, antes de deixalos, son rexistrados no web oficial de bookcrossing e etiquetados de forma que o que os atopa pode notificar no mesmo web o achado do libro e así poder seguir a súa pista. Existen ademais zonas oficiais e puntos de recollida nos que é máis doado deixar ou atopar os libros. As razóns de participar no bookcrossing poden ser moitas: compartir un libro que nos gustou moito ou que xa non lemos, ver ata onde pode chegar o noso libro... E nós, na Biblioteca, agardamos inaugurar pronto unha zona oficial bookcrossing. Polo de agora colocamos o cartel de punto de recollida, así se tedes algún libro que quixerades compartir o podedes deixar na Biblioteca. Se queredes coñecer máis sobre este movemento aquí tedes a ligazón ao seu web; por certo, aínda que ao principio todo isto soaba algo estraño, a práctica do bookcrossing comezou en 2001, na actualidade podemos atopar ata persoerios ben coñecidos convertidos en bookcrossers. Seguirémosvos informando... déixovos cun pequeno vídeo.
Vaia unha curiosidade! Onte unha alumna comentaba acerca dunha obra que debía estudar, que era bastante difícil, e que era tamén onde os finlandeses de Nokia sacaran o seu coñecido ton. Non sei, se cadra son o único que descoñecía isto, pero pareceoume curioso dabondo para adicarlle unha entrada. A obra é o Gran Vals, composición escrita para guitarra a finais do XIX por Francisco Tárrega. Na imaxe podemos ver un fragmento da partitura e, sinalados, os compases onde se presenta o tema en cuestión. A partitura a atopamos, por exemplo, no web da IMSLP. Aquí vos vai a ligazón. E como sucede moitas veces ao buscar algo pola Internet, acaba un por atopar algunha outra cousa de interese. Pois resulta que un músico do Canada, Vincent Lo, empregou o tema este como suxeito para unha fuga. Esta podémola ver e escoitar no YouTube nunha estupenda animación musical. E terceiro achado, o estupendo programa que serviu para facer esa animación. Chámase Music Animation Machine e se trata dunha aplicación que converte un arquivo MIDI nunha animación como a que se pode ver no vídeo.
Febreiriño corto, cos teus días vinteoito, se duras máis catro, non queda can nin gato, ni rato no burato. Imos aló... Biblioteca aberta é o título do novo espazo da Radio Galega que hoxe presentábase en Santiago. Terá unha duración de entre tres e cinco minutos e se incluirá no programa Galicia por diante. O espazo incluirá pequenas entrevistas con autores, ilustradores e responsables de bibliotecas. Ademais de este programa, presentábase outro, esta vez na TVG: Palabra de autor, palabra de autora. Terá unha duración de un minuto, emitirase de Luns a Venres despois do Telexornal mediodía e presentará as novidades literarias galegas. Estes dous programas inclúense dentro das actividades do Ano do Libro e da Lectura. Penso que estes espazos aínda non figuran no web da CRTVG, así que só vos deixo a ligazón a nova no diario El Correo Gallego.
CLUB DE LECTURA "LECTO@S DA ULLOA"
-
*En decembro e xaneiro lemos dúas novelas que recomendamos porque nos
gustaron moito.*
*Trátase de A trenza, de Laetitia Colombani e Golpes de luz, de L...
Booktubers Librionesxs
-
Na biblioteca escolar d*o IES de Brión* o alumnado do *club de lectura*
fala sobre libros e comparte as súas lecturas a través do vídeo e da radio.
...
Adeus co corazón...
-
Ímonos con sabor agridoce. Despois de máis de dous anos traballando no blog
e na biblioteca, con inconmensurables doses de ilusión, chegamos a un
punto no...