18/5/11

Os carteis de Lois

Un curso máis achegámosvos os carteis do traballo gañador do concurso que Política Linguística convoca co motivo do autor ou autora homenaxeada no Día das Letras Galegas. Como ben sabemos este ano foi o poeta monfortino Lois Pereiro o autor ao que se adicou este día. En canto ao concurso, este ano o centro gañador na categoría de educación primaria foi o CEIP de Laredo (Chapela). Nesta ocasión a exposición na nosa biblioteca (agardamos que só polo de agora...) será só virtual. Aquí vos van os carteis e a guía da exposición.

Un saúdo!



16/5/11

Moito conto!

34 relatos: esta foi a ben xeitosa participación no III Concurso Día do Libro, que nesta ocasión chamamos Cóntamo con tempo. O certo e que entre as cinco e as seis da tarde do pasado Mércores, a calma da Biblioteca rachouse polo abordaxe dos participantes que durante esa hora estiveron pelexando coas catro palabras de obrigada presenza no relato, e o pequeno espazo do que dispoñían. As palabras? libro, Beethoven, tigre e sopa... que saería de aí?
A partir deste Mércores 18 os relatos expoñeranse na Biblioteca e comezará así a votación que rematará o 1 de Xuño.

Xa vos seguiremos contando, un saúdo!


8/5/11

Cóntamo con tempo

Mércores 11 de de Maio de 2011. Achégate á Biblioteca ás 5 da tarde, recolle un dos nosos papeis selados, e escribe un pequeno relato que deberá conter catro palabras «enigma» reveladas nese intre; un apuntamento: só tes unha hora para escribilo, debes rematar antes das 6. O gañador sairá de votación popular!! Que dis, participas?

Este é o texto do cartel co que estamos a promocionar o III Concurso "Día do libro", que nesta ocasión está adicado á composición dun microrelato. Despois de dúas edicións coa elaboración dun marcapáxinas como traballo trocamos as artes plásticas polas literarias. Trátase entón de compoñer un pequeno relato de tema libre nunha cara dun A5, empregando catro palabras que se coñecerán á hora de comezo do concurso. O tempo máximo para elaborar o taballo será unha hora. A partir do Mércores 18, os relatos expoñeranse durante dúas semanas (sen aparecer o nome dos autores e autoras) comezando así unha votación popular. Cada alumno ou alumna do centro poderá emitir dous votos. Ademais, o concurso está aberto á participación de pais e nais e de nós, aínda que non poderemos acceder a premio algún. As bases as podedes descargar nesta ligazón.

...que dis, participas?

29/4/11

Segunda encrucillada!

O Blogue estivo parado estes meses, pero a Biblioteca seguiu, máis ou menos, facendo vida normal (como din os médicos). O caso é que a primeira encrucillada a publicamos a finais de Decembro; o sorteo o fixemos en Febreiro, e aquí estamos coa segunda. Nesta ocasión repetimos agasallo, uns ben bonitiños auriculares (moi á moda). O sorteo está programado para o Xoves 2 de Xuño ás 19:45 na entrada do Conservatorio. A encrucillada a podedes descargar dende esta ligazón, ou recollela na Biblioteca.

Veña que non é difícil!

28/4/11

13 caracteres menos!

Un pequeno achado destes días: modificar a URL do Blogue. Qué é isto da URL? Pois o que escribimos no navegador para acceder a unha páxina calquera da Internet ou ao contido dunha ligazón. O caso é que xa facía tempo que iso de bibliotecadocmusdelugo parecíame, moi completo si, pero moi, moi longo; non era doado quedar cun nome de vintedous caracteres, ao que ademais era preciso engadir o blogspot.com. Así que agora para cargar o noso Blogue no navegador só teremos que escribir bcmuslugo.blogspot.com. Se cadra perdermos algo de tráfico, que a de ser pouco, pero gañaremos un nome máis manexable.

Ata outra!

Saímos da hibernación!

Igual que a tripulación da Nostromo (a nave de Alien, o film de 1979 de Ridley Scott, cunha estupenda música de Jerry Goldsmith): unha circunstancia externa fai que teñamos que poñernos ao traballo. Aquí non é un pasaxeiro tan pouco amable coma o da película, senón unha morea de novas e actividades da Biblioteca nas que este espazo virtual é un recurso de moita utilidade. Dende a última entrada, o 14 de Decembro, pasaron unhas cantas cousas, pero iso o deixaremos para cando teñamos un anaquiño de tempo. En calquera caso, alegrámonos de estar outra vez por aquí... Imos ao de hoxe... ou ao de onte, xa que celebrouse (un chisco desprazado no tempo) o Día do libro e os dereitos de autor; nós, coma o ano pasado, adicámonos a empapelar o Conservatorio, é dicir, a colgar na porta de cada aula unha cita adicada aos libros, a lectura e ás bibliotecas. A actividade a chamamos Una cita en el aula... Esta pequena exposición durará ata o vindeiro Venres 6 de Maio, así que aquí vos deixamos todos os carteis coas citas para que as poidades ler cando queirades. Só unha cousa máis: outra cita; extraída da mensaxe que Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO, publicaba co motivo desta celebración.

Os libros son ao mesmo tempo obxecto e idea. Coa súa forma material e o seu contido inmaterial, os libros son vectores dos pensamentos do autor e atopan o seu significado no maxín dos lectores. Aínda que a lectura é unha conversa privada, os libros repousan na idea de compartir: compartir experiencias, coñecementos e puntos de vista.

Un saúdo!


14/12/10

...máis madeira! ...é a guerra!

Fai xa uns cantos anos, Groucho, Chico e Harpo Marx andaban como tolos a desfacer o tren no que ían para queimalo na locomotora e que así non parase. Nós, aquí, na entrada cento corenta e dous e despois de setecentos oitenta e dous días na Blogosfera, debemos empregar esta bitácora para alimentar de tempo algunhas outras tarefas académicas, sen dúbida, máis básicas; as cousas non deben facerse a pasar, e un blogue, por sinxelo que sexa, queima o seu tempo.
Tres cousas antes de pechar. Unha, se cadra calquera día voltamos (o blogue vai quedar aquí); dous: grazas polos vosos comentarios; tres: non deixamos a Rede... e logo? ...estamos a elaborar un wiki!

E polo de agora nada máis... ata outra!


6/11/10

Proxecto Ronsel

Dito así, semella que estamos a falar do proxecto secreto de algunha axencia espacial; pois non, trátase de algo tan pouco alonxado coma o patrimonio cultural inmaterial da nosa comunidade. Ronsel é un proxecto que leva camiñando xa tres anos e no que traballan un feixe de institucións galegas. No seu web recollen moito contido, todo ben interesante; vexamos, libros para descargar en pdf coma o Instrumentos tradicionais galegos. Unha selección natural, escrito por Pablo Carpinteiro, arquivos de audio, ou vídeos coma o que vos deixo nesta entrada. Trátase da elaboración dun Mirlitón, ou sexa, un Kazoo. Se cadra habería que adicar calquera día destes unha entrada a este pouco prezado instrumento, que aínda que non é da primeira división da Organoloxía, si que pertence á federación.

Ata máis ver!



27/10/10

Encontros BEG!!

Venres 29 de Outubro, 16 horas: recollida de documentación... 18 horas: inaugúranse no os III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia. Durante a tarde do Venres e todo o día do Sábado, unha marea de docentes algo tolos inundará o Palacio de Congresos de Santiago para desfrutar e aprender (coma sempre) un feixe de cousas, que logo a ver se empregamos nas bibliotecas dos nosos centros. Coma xa sucedera o pasado ano, o espazo Moodle das BE vai recoller todo o material dos encontros.


Aquí vos vai o programa e xa vos seguiremos contando...

Un saúdo!

24/10/10

O Mércores: empréstitos e carnés!

Agardamos que este Mércores 27 o servizo de empréstito e as solicitudes do carné de lector boten a andar. Sabemos que o desexable sería que xa o primeiro día do curso o horario da Biblioteca estivese concretado e todos os seus servizos funcionasen, pero isto é algo moi poco posible; nas primeiras semanas os horarios das clases aínda están a estabrecerse e ademais os novos membros do claustro que teñen parte do seu tempo na Biblioteca precisan coñecer o seu funcionamento.
Pouco a pouco, que calquera día mesmo acadamos os cumios bibliotecarios da DOK, a biblioteca pública da cidade holandesa de Delft (de onde era Vermeer). Se non oístedes falar desta biblioteca, por exemplo o que aparece na fotografía é a Ágora, un espazo no que os usuarios poden ler, ou argallar no portátil, tocar o piano, tomar un café (segundo contan, moi bo). Seica aínda moi transgresor para nós? É posible que non, ou alomenos pode levarnos a algún ca outro interesante debate acerca de cuestións bibliotecarias.
Vexamos, ligazóns. Se queredes visitar a galería de imaxes da DOK, o seu web, e unha entrevista a Eppo Van Nispen, o responsable da idea.

Ata outra!

10/10/10

Proms 2010

Xa andan polo YouTube os vídeos da Last Night dos Proms deste ano. Na entrada do pasado mes adicada a este concerto vos deixaba co Rule, Britannia! de Thomas Arne; hoxe o fago cunha composición verdadeiramente fermosa, o himno Jerusalem escrito polo compositor británico Hubert Parry a partir dun poema de William Blake. Advirto: a cousa emociona...

Desfrutádea!



7/10/10

Aínda as Letras...

Non sei canto percorredes o Conservatorio, pero a pequena exposición que montamos co motivo das Letras Galegas deste ano 2010 aínda segue no seu sitio. O certo e que non hai unha data moi obrigada para abandonar as celebracións e lembranzas acerca das Letras, así que aí seguen os quince carteis elaborados polo CPI Virxe dos Remedios de Castro Caldelas. Atópanse no corredor que está na parte traseira da Biblioteca, un espazo (calade, que non se oia...) que estamos a invadir discretamente fai un par de anos.

Un saúdo!