22/9/11

Reciclar edificios?

Agrádame reciclar cousas. Máis ben diría «reutilizar», pero quedarei con «reciclar», que é a palabra que se emprega acotío. Pois si, agrádame reciclar; paréceme ben volver usar calquera cousa que semella xa aspirante ao punto limpo, pero que verdadeiramente aínda pode ser útil moito tempo.
Reciclar, ademais, é as veces un pasatempo ben xeitoso e sen dúbida unha maneira de administrar os cartos con sentidiño. Un bo exemplo o atopamos nas computadoras; a miúdo, máquinas que xa parecen estar en idade de xubilarse, poden funcionar moito tempo só substituíndo o seu sistema operativo (aquí, perdón, unha distribución de Linux é case a única solución).
Pois o mesmo pasa cos edificios. Cando se precisa un espazo para un organismo público, é certo que as veces hai que facer unha construcción nova, pero tamén é certo que hai moitos vellos, fermosos e históricos edificios que poden reciclarse para outra vez ser útiles moito tempo. Cando isto se fai, o resultado adoita ser interesante: o edificio dunha vella fábrica de cervexa ou dun hospital acollendo agora unha escola de música ou unha biblioteca. Unha mestura de tempos, espazos e funcións que é, cando menos, singular.
Imos entón ao obxecto desta entrada, que é desfrutar dun vídeo acerca do edificio da Biblioteca de Catalunya. Trátase dunha construcción do Século XV que acolleu ata o pasado século o Hospital de la Santa Creu, e que en 1931 foi reciclado polo concello da cidade de Barcelona para ser o edificio da biblioteca. E como antes xa diciamos, resulta cando menos singular observar esas salas e corredores, ocupadas no tempo por un contido (permitídeme a expresión) tan diferente.
Este reciclaxe de antigos edificios para acoller bibliotecas o atopamos noutras institucións da cidade de Barcelona. Unha das bibliotecas da Universidade Pompeu Fabra que ocupa un antigo depósito de auga (o espazo chama verdadeiramente a atención), ou unha das bibliotecas públicas da cidade instalada na antiga fabrica téxtil Vapor Vell (botade unha ollada á colección de imaxes antigas sobre a fábrica que ten a biblioteca en Flickr).
Hai que ir pechando a entrada. O resumo é o seguinte: reutilizar antes de tirar e volver facer ou mercar, é as veces unha intelixente práctica.

Ata outra!


1 comentario:

Isleña dijo...

Coñezo a vella farica de cervexa de Oleiros, moitas tardes teño pasado alí, pretiño de Santa Cristina, na escola de música. Por certo que para ser un producto de reciclaxe quedou moi aquelada, co seu auditorio, aulas, ...e sei de boa fonte que está a ser moi proveitosa para o concello e os seus veciños. O que non sei, ou non me lembro, e se tiña biblioteca...
Bicos!