30/6/09

O dicionario e-Estraviz

A Associaçon Galega da Língua, impulsora da normativa reintegracionista, ven de publicar nestes días o dicionario electrónico Estráviz. Trátase dun recurso que recolle 121.505 entradas da nosa lingua, coa particularidade de que é posible realizar a busca dunha palabra correspondente á normativa ILG-RAG e o dicionario a relacionará coa mesma palabra pero de acordo á normativa reintegracionista. Aquí, no Blogue, tedes unha pequena caixa de pesquisa ligada ao dicionario.

Ata outra!

29/6/09

Feiras e festivais!

No Verán, xa sabedes, e doado atopar un feixe de actividades culturais. Aquí, en Lugo, temos nos vindeiros días unhas ven interesantes, imos ver...
  • O festival de música Via Stellae. En Lugo poderemos disfrutar dalgúns dos concertos programados nesta cuarta edición do festival; serán no Círculo das Artes os días 7, 9 e 15 de Xullo.
  • A Feira do Libro Antigo entre o 4 e o 19 tamén do vindeiro mes.
  • O programa Cultura Aberta organizado pola Deputación de Lugo.
Un saúdo!

24/6/09

A biblioteca, o lugar dos achados

Este é o título, traducido do castelán, dun artigo sobre as bibliotecas que aparecía no xornal mexicano La Jornada. O texto é do físico e divulgador científico Juan Nepote, e verdadeiramente que o achado foi tamén para min respecto ao texto e ao autor. Esta é a ligazón ao artigo no xornal, e esta é outra a un texto tamén de Nepote, que é para non perderse, acerca dos museos científicos e no que poderiamos trocar museo por biblioteca...
E xa que nesta entrada marchamos para o outro lado do Atlántico, aproveito para amosar o fermoso edificio da Biblioteca Central da UNAM, a Universidad Nacional Autónoma de México

Ata máis ver!

22/6/09

10 Poemas Musicados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística estreaba fai pouco unha web adicada aos ENDL, é dicir, aos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros educativos. Na web somos quen de atopar nestes días un traballo desenvolvido polo IES Poeta Añón. Trátase dunha escolma de dez poemas musicados de Xose María Álvarez Blázquez, o autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2008. Os poemas poden descargarse nun pdf. É un traballo certamente moi coidado que merece a pena coñecer.

Un saúdo!

19/6/09

...para o Verán

E aquí imos nós! ...da man doutras moitas bibliotecas escolares publicamos a nosa primeira guía de lectura, neste caso adicada ás vindeiras vacacións do Verán. Se queredes ver a guía en pantalla completa so tedes que calcar dúas veces no documento, e se a queredes descargar o podedes facer nesta ligazón. E non vos esquezades de visitar o blogue das Bibliotecas escolares de Galicia onde hai moitas outras guías elaboradas por colexios, institutos...

Un saúdo!



16/6/09

Axudar a Lydia!

Non sei, se cadra o xogo gustoume de xeito particular porque moitas veces na biblioteca andiven coma a nosa protagonista, é dicir, a fume de carozo... Lydia é unha bibliotecaria que debe atender a un feixe de rapaces que a cada intre piden libros e máis libros. O xogo chámase Lightning Librarian... a imaxe é a da primeira partida que xoguei, só 1800 puntos, hai que mellorar!

Ata outra!

13/6/09

Como non, en Google

Nestes días liamos nos xornais acerca do acordo entre Google e a Biblioteca Nacional para publicar os seus fondos dixitalizados nos Google Books, por certo, os proxectos da Biblioteca Nacional a medio prazo en canto á incorporación das novas tecnoloxías soan bastante ben, aquí tedes unha ligazón para que poidades ler sobre isto. O caso é que hoxe, mergullándome no catálogo de libros de Google atopei as Actas do primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires en 1956. Foi un encontro de diversas colectividades e intelectuais emigrados ou exiliados que se atopaban espallados por toda América. Entre os asistentes, dos que atopamos textos no documento, estaban Ramón Piñeiro e Jesús Bal y Gay. Podemos acceder ao facsímile, e descargalo nun pdf, na páxina do Consello da Cultura Galega ou, como non, no servizo do voraz Google...

Un saúdo!

11/6/09

Como se fai unha lingüeta?

Hoxe, navegando pola Internet, topei coa páxina de Vandoren que é unha das máis senlleiras empresas de fabricación de lingüetas para os instrumentos de vento madeira coma o Clarinete ou o Saxofón. O certo e que andaba á procura dunha imaxe sobre o proceso de construción das lingüetas, e así, dun resultado a outro, carguei no navegador a páxina da marca francesa. En resumo, teñen unha presentación ben estupenda; unha animación que vai describindo todo o proceso de construción dunha lingüeta... Sexades ou non da familia destes instrumentos, merece a pena ir visitar esta páxina.

Ata outra!

10/6/09

O xogo da curuxa

É o nome dun novo xogo que ven de poñer na Internet a Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Engádese aos outros dous que xa tiña, o Trivial.gz e o Letrad@s.gz. Polo de agora só e posible xogar contra a máquina, aínda que en pouco tempo agárdase que sexa posible facelo entre varios xogadores na rede.

Que os disfrutedes!

7/6/09

As bibliotecas rexurden coa crise!

Este é o título, en castelán, dun artigo do Magazine do periódico El Mundo que podemos ler hoxe. O articulista fai un moi completo percorrido pola situación actual das nosas bibliotecas. Esta é a ligazón ao artículo na súa versión dixital.

Ata outra!

5/6/09

Máis imaxes da entrega de premios!

Aquí tedes outra imaxe da entrega de premios do concurso de marcapáxinas. O rapaz fondo da imaxe non é un dos participantes... hai que aclaralo... Bromas aparte, de esquerda a dereita o gañador Miguel Aira Rodríguez, o segundo premio Denís Blanco Carbón, Sebastián García Mouret un dos participantes que recolleu o seu diploma, e Marina Isabel Riesco Amurrio que acadou o terceiro premio.


Un saúdo!

Singular concurso!

Fai uns días sabía dunha convocatoria se cadra algo particular, a dun concurso de curtametraxes sobre bibliotecas. A convocatoria é da Consejería de Cultura y Patrimonio Histórico y Cultural del Cabildo de Gran Canaria; o nome do concurso é Bibliotecas al minuto. As bases as podedes consultar nesta ligazón e aquí vos vai tamén outra á noticia no diario dixital canariasaldia.com. A iniciativa pretende apoiar a produción audiovisual e recoller novas achegas en relación con diferentes visións sobre as bibliotecas e a lectura. O prazo de presentación dos traballos remata o 31 de Agosto.

Ata outra!

3/6/09

Ata a volta!

O Luns máis ou menos ás nove e cuarto, a biblioteca pechaba as súas portas ata o vindeiro curso. Alí quedaban os marcapáxinas do concurso, a mostra de material galego, o curruncho de lectura... En calquera caso, nós agardamos seguir por aquí, pola Blogosfera, coa maior regularidade que o obrigado descanso permita. Pola nosa parte, e ao xeito de peche do curso, unha cita e unha viñeta que espero que anime, a primeira, á lectura, e a segunda que sexa a vosa fotografía calquera día deste Verán.


...abrir un libro non precisa electricidade. Nin un aparello gris de plástico no que hai que inserir un disco, nin un protocolo de software, nin contrasinal. Podes levalo á cama ou á praia, lelo cunha lanterna baixo as sabas, botarlle area e non se estragará. A inigualable cualidade do libro é a súa inmediatez. Nada hai entre a páxina impresa e nós. Nada hai entre min e a miña lectura, salvo os meus lentes. O libro ten un brillante porvir ante el.

Brian Lang,
Director Xeral da British Library entre 1991 e 2000















Un saúdo!

1/6/09

Xa os entregamos!

O pasado Mércores celebramos o pequeno acto de entrega de premios do concurso de marcapáxinas. Foi breve pero xa sabemos como é o dito popular... O caso e que se achegaron todos os premiados e as súas familias, así como outro dos participantes que recolleu o seu diploma de consolación. Ademais unha das alumnas de sexto curso do grao profesional, da especialidade de Frauta e que xa remata os seus estudos no Conservatorio, María Neira, pechou o acto interpretando un dous números da Suite para frauta soa O paxaro mecánico, do compositor coruñés Paulino Pereiro. O que agardamos é, o vindeiro curso, ter que escoller entre moitos traballos nunha nova convocatoria do concurso.

Ata máis ver!