31/12/09

Hoxe non pechamos!

E logo! ...non pensariades que a Biblioteca ía pechar hoxe día 31? Pois non, claro... O que é certo, é que aínda que sempre hai cousas que contar, non sei, unha entrada adicada ás Ondas Martenot ou a un novo concurso, hoxe non farei outra cousa mais que felicitar o ano a todos e... a ver... se cadra lembrarvos que mañá ás 11'15 temos o concerto de primeiro de ano, o de Viena. Esta vez o volve dirixir Georges Prêtre, cos seus 85 anos! Por certo, Prêtre foi o director da estrea dunha composición que este ano cumplía cincuenta anos, La Voix humaine de Poulenc, obra ben representativa do Século XX. E xa vos deixo, que vai sendo tempo...

Pasádeo ben e feliz ano!

26/12/09

Xa temos gañador!

O pasado Martes 22 celebrábamos o sorteo das Encrucilladas. Non foi preciso remexer no saco máis que unha vez, e a primeira encrucillada, ademáis de estar ben resolta, tiña ao seu autor entre os presentes. Era José Joaquín Roca Pérez, o pai de Xacobe, un dos alumnos de percusión do grao profesional e que é o que sae na foto. E despois desta primeira experiencia con isto das Encrucilladas, hai que dicir que o comentario xeral foi acerca do positivo da actividade, e que o pasatempo serviu en moitos casos para coñecer unhas cantas cousas interesantes sobre a música. Nesta ligazón podedes ver a encrucillada resolta, e nesta outra a gañadora. Haberá que ir preparando a seguinte... por aquí xa temos algunhas ideas...

Ata máis ver e Bo Nadal!

16/12/09

O sorteo o pasamos para o Martes

Parece que o asunto da neve vaise levando ben, en calquera caso está a ser un día ben invernal. E como hoxe a Biblioteca só abre de xeito virtual, o sorteo das Encrucilladas non vai ser moi posible. O pasamos para o Martes 22 ás 19'30. E polo de agora máis nada, non collades frío...

Un saúdo!

13/12/09

Seica non era Jazz...

Fai uns días o meu compañeiro Pablo Coria (o blogueiro decano do Conservatorio) enviábame unha nova que como él dicía era digna dun post. O titular é ben curioso, se encaixa este calificativo... Un espectador denuncia a un músico de jazz por no tocar jazz. Resulta que no pasado Festival de Jazz de Sigüenza un espectador denunciou ao saxofonista Larry Ochs entendendo que a música que se estaba a producir non era Jazz senón música contemporánea. Ao parecer ata a Garda Civil presentouse para tratar de aclarar, máis ou menos, o asunto. A nova ten se cadra pouco comentario... aquí tedes a ligazón a nova no xornal El País, e vos deixo tamén un vídeo do saxofonista. É certo, non é o Jazz de Count Basie pero Jazz sí que o é...

Ata outra!


9/12/09

Unha semana para o sorteo!

Como vai a encrucillada? Xa sabedes cal é ese contratenor flamenco ou o instrumento electrónico monofónico? Lembrámosvos que o vindeiro Mércores 16 ás 19'30 na entrada do Concervatorio celebraremos o sorteo do pendrive. Así que se queredes participar o Mércores pronto chega...

Que vaia ben a cousa!

8/12/09

Notas para conciertos imaginarios

Unha nova lectura recomendada para vós. Notas para conciertos imaginarios é outro deses libros de peto que polo miúdo recomendamos. Como xa temos dito, as veces un libro de aspecto aparentemente só divulgativo pode ser unha lectura verdadeiramente proveitosa. Neste libro o autor, Carlos Gómez Amat, preséntanos trinta e nove concertos imaxinarios a partir das súas notas de programa. Así que en cada concerto, nas súas notas, atopamos unha pequena e moi agradable lectura da que podemos disfrutar mesmo nun anaquiño de tempo. O libro está na nosa Biblioteca e tamén na Biblioteca Pública.

Que vós aproveite!