24/2/10

E parabéns tamén para Cristina e Pilar!

O certo é que esta entrada era parte da anterior, a adicada aos 25 anos do comezo da Radio Galega, pero cando estaba a escribir o que ides ler a continuación, pensei que era unha nova que debía ocupar unha entrada propia, así que imos...
...é que onte, Martes, Cristina Novoa, unha das nosas asesoras nisto das bibliotecas escolares xunto a Pilar Sampedro, participaba no espazo Biblioteca Aberta que se emite na Radio Galega dentro do programa Galicia por diante, máis ou menos ás 11'30 de Luns a Venres. Falou do Plan de mellora de bibliotecas escolares, do fomento da lectura, das actividades de formación do profesorado... En resume, un estupendo traballo o que levan a cabo todos os que compoñen a Asesoría de bibliotecas escolares. Aquí vos vai a ligazón á paxina da RG na que podedes escoitar o programa.

Un saúdo

Parabéns para a nosa Radio!

Hoxe, ou onte para ti, lector ou lectora, a nosa Radio Galega celebra os vintecinco anos do comezo das súas primeiras probas de emisión. Era o Domingo 24 de Febreiro de 1985 que coincidía ademais co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Aquí tedes a ligazón ao web que adicaron na RG á celebración, que por certo está ben interesante. Déixovos coa nova que viamos hoxe no Telexornal. ...parabéns para a nosa radio pública e a lembranza para Rosalía...

Ata máis ver!

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

23/2/10

O lembrades?

Eu espero que si!
É o marcapáxinas gañador do noso concurso do pasado ano. Dende hai uns días xa temos a súa reprodución na
nosa Biblioteca, e agardamos ir pouco a pouco atopando este estupendo traballo do noso violista Miguel Aira Rodríguez nas bibliotecas públicas e librerías da nosa cidade.
Estamos xa a traballar no concurso de este ano... xa vos iremos contando...

Ata outra!

15/2/10

Manuel Quiroga

Manuel Quiroga? ...pois é o nome do Conservatorio de Pontevedra. E quen foi Manuel Quiroga? ...supoño que sería algún músico da cidade.
Se cadra esta conversa a alguén pode resultarlle algo absurda, como non saber quen foi Manuel Quiroga? Pero xa sabemos que as veces os nosos músicos non son coñecidos e recoñecidos dabondo. Igual é unha opinión moi persoal e un exemplo
algo inapropiado, pero Veiga, Montes, Freire, Groba, Quiroga, Gaos, etc. deberían ser tan coñecidos, alomenos entre nós, coma o Cocido, o Faro de Fisterra ou o Encaixe de Camariñas.
Ao que vamos... Manuel Quiroga foi un moi importante violinista, compositor e pintor pontevedrés do comezo do Século XX. Como intérprete, igual isto ilustra axeitadamente o seu valor: no verán de 1911, un xurado presidido por Gabriel Fauré concedía a Quiroga, que tiña dezanove anos, o primeiro premio de violín do Conservatorio de París, nada menos! Quiroga é xunto a Sarasate e Casals dos máis importantes instrumentistas de arco da historia do noso país.
En 1937, o músico era atropelado en Nova York acabándose a súa vida como intérprete. As súas gravacións non son moitas pero chegan para apreciar o bo músico que foi Quiroga. Fai algún tempo o selo Ouvirmos publicaba dous libro-discos adicados ao violinista e á súa muller, a pianista francesa Marta Leman. E agora os temos xa na nosa Biblioteca. Fai algúns días o noso compañeiro Pablo Coria nun comentario falábanos destes libro-discos, e dun libro editado pola Deputación de Pontevedra adicado ao violinista. Dicir para rematar que hai na actualidade un cuarteto que leva o seu nome, o Cuarteto Quiroga, que no seu web teñen una biografía bastante completa do músico, e que este ano teñen dous concertos programados en Galicia: un na Coruña en Marzo e outro en Ourense correspondente ao ciclo de música de cámara Sen batuta.

E xa nada máis... ata outra!

14/2/10

Xa temos data e hora para o Bookcrossing!

Martes 23 de Marzo ás 18'30. Esta é a data na que programamos a inauguración da nosa zona oficial Bookcrossing. Xa comezamos tamén a repartir unhas pequenas follas informativas e agardamos ir pouco a pouco acumulando libros e rexistrándoos para poder liberalos ese día. En calquera caso xa sabedes que podedes rexistralos vós mesmos; no web oficial de Bookcrossing en España hai etiquetas de moitos tipos para os libros, para a portada, para o lombo, marcapáxinas... trátase de que quen vexa o libro non pense que se trata dun libro perdido. A imaxe, por exemplo, que vedes nesta entrada é a dunha destas etiquetas.

Ata máis ver!

11/2/10

Unha nova encrucillada!

Xa está publicada a encrucillada deste segundo trimestre! Nesta ocasión sorteamos unha estupenda webcam... a que aparece na imaxe, que é a do cartel que colgamos polo centro. Hai que dicir que fixemos dúas modificacións nas bases: os vosos datos podédelos escribir na mesma folla da encrucillada, e esta a podedes botar, sen sobre algún, na caixa que temos para isto na Biblioteca. A ver como vai a cousa... Nós, o certo é que esperamos que esta nova encrucillada sirva outra vez para que vos mergulledes nos libros, e no inevitable Google, na procura das respostas correctas.
A encrucillada a podedes descargar nesta ligazón ou recollela na Biblioteca, e as bases o mesmo, nesta ligazón ou na propia Biblioteca.

Que vaia ben!

7/2/10

Bookcrossing!!

Se non sabes de que vai isto, o bookcrossing é unha práctica que consiste en deixar libros en lugares públicos para que outros os recollan, os lean, e os volvan deixar no mesmo ou noutro lugar. Os libros, antes de deixalos, son rexistrados no web oficial de bookcrossing e etiquetados de forma que o que os atopa pode notificar no mesmo web o achado do libro e así poder seguir a súa pista. Existen ademais zonas oficiais e puntos de recollida nos que é máis doado deixar ou atopar os libros. As razóns de participar no bookcrossing poden ser moitas: compartir un libro que nos gustou moito ou que xa non lemos, ver ata onde pode chegar o noso libro...
E nós, na Biblioteca, agardamos inaugurar pronto unha zona oficial bookcrossing. Polo de agora colocamos o cartel de punto de recollida, así se tedes algún libro que quixerades compartir o podedes deixar na Biblioteca.
Se queredes coñecer máis sobre este movemento aquí tedes a ligazón ao seu web; por certo, aínda que ao principio todo isto soaba algo estraño, a práctica do bookcrossing comezou en 2001, na actualidade podemos atopar ata persoerios ben coñecidos convertidos en bookcrossers. Seguirémosvos informando... déixovos cun pequeno vídeo.

Un saúdo!



3/2/10

...de Tárrega?

Vaia unha curiosidade! Onte unha alumna comentaba acerca dunha obra que debía estudar, que era bastante difícil, e que era tamén onde os finlandeses de Nokia sacaran o seu coñecido ton. Non sei, se cadra son o único que descoñecía isto, pero pareceoume curioso dabondo para adicarlle unha entrada. A obra é o Gran Vals, composición escrita para guitarra a finais do XIX por Francisco Tárrega. Na imaxe podemos ver un fragmento da partitura e, sinalados, os compases onde se presenta o tema en cuestión. A partitura a atopamos, por exemplo, no web da IMSLP. Aquí vos vai a ligazón.
E como sucede moitas veces ao buscar algo pola Internet, acaba un por atopar algunha outra cousa de interese. Pois resulta que un músico do Canada, Vincent Lo, empregou o tema este como suxeito para unha fuga. Esta podémola ver e escoitar no YouTube nunha estupenda animación musical. E terceiro achado, o estupendo programa que serviu para facer esa animación. Chámase Music Animation Machine e se trata dunha aplicación que converte un arquivo MIDI nunha animación como a que se pode ver no vídeo.

Ata outra!


1/2/10

Biblioteca aberta

Febreiriño corto, cos teus días vinteoito, se duras máis catro, non queda can nin gato, ni rato no burato.
Imos aló... Biblioteca aberta é o título do novo espazo da Radio Galega que hoxe presentábase en Santiago. Terá unha duración de entre tres e cinco minutos e se incluirá no programa Galicia por diante. O espazo incluirá pequenas entrevistas con autores, ilustradores e responsables de bibliotecas. Ademais de este programa, presentábase outro, esta vez na TVG: Palabra de autor, palabra de autora. Terá unha duración de un minuto, emitirase de Luns a Venres despois do Telexornal mediodía e presentará as novidades literarias galegas. Estes dous programas inclúense dentro das actividades do Ano do Libro e da Lectura. Penso que estes espazos aínda non figuran no web da CRTVG, así que só vos deixo a ligazón a nova no diario El Correo Gallego.

Ata outra!