4/12/11

Corno di ..., un tipo de clarinete

Unha das cuestións (a 4 horizontal) que atopamos na primeira encrucillada de este curso! Xa andamos de novo por aquí con estes pasatempos que agochan sempre un feixe de cuestións musicais de interese. Cal sera ese clarinete chamado Corno di ...? Quen sería ese compositor e violinista pontevedrés nado en 1892? ¿Cal é ese sitema de afinación tan empregado nos nosos intrumentos? Aprender estas cousas sempre vai ser cousa boa.
Xa vamos, xa vos falamos do agasallo! Nesta primeira encrucillada sortearemos o moderno rato «wireless» que podedes ver na imaxe! O sorteo está programado para o Xoves 26 de Xaneiro ás 19:15, coma sempre na entrada do Conservatorio. Lembrade que para participar só é preciso que escribades o voso nome no papel da encrucillada (despois de resolvela, desculpade a aclaración!) e botalo despois na caixa que temos para isto na Biblioteca. Aquí vos vai a ligazón para descargala!


Un saúdo!

28/11/11

COMING SOON

Isto xa parece unha sala de cine anunciando, non sei, un novo film de Godzilla?
Non, só se trata da publicación da Programación da Biblioteca para este xa algo avanzado curso.
Despois de darlle non poucas voltas ao calendario, aquí vos presentamos con lugar, data e hora as actividades que nos propuxemos para este ano. É ben certo que unha programación concreta en canto a lugares, datas e mesmo horas é sempre algo obrigado se desexamos unha axeitada organización. Non é boa cousa que parte da nosa comunidade escolar descoñeza, por exemplo, se este ano vai haber «Cóntamo con tempo», e se o vai haber, onde, cando e a que hora. Así que aquí vai o documento, que esperamos ademais publicar de diferentes maneiras: nunha ligazón nesta entrada, e de maneira permanente na columna da dereita. A versión dixital correspóndese co cartel que xa está colgado no centro.


Ata outra!

24/11/11

tweet

(Uf! Imos ver como vai esta nova andaina; fai un ano foi preciso pausar o Blogue, e agora andamos a abrir sucursais!)
O certo e que xa hai un anaco de tempo (un bo anaco de tempo!) que a idea de estarmos en Twitter quería agromar. Sucede moitas veces: coñecemos unha nova ou unha ligazón de interese, pero non podemos publicala porque fáltanos tempo para elaborar unha entrada, aínda que esta sexa ben pobre. Así que imos tentar empregar eses cento corenta caracteres e esa inmediatez e sobriedade que caracteriza a Twitter para resolver esta circunstancia.
Con este segundo espazo na Rede poderemos, ademais, engadir unha segunda lingua: o castelán. Nós agardamos que Twitter sexa para nós un vehículo que nos leve moi lonxe entre os espazos musicais, académicos e bibliotecarios que se atopan na Rede. Para isto, sen dúbida, o castelán é unha ferramenta moi versátil ao empregala varios centos de millóns de persoas.
Ademais de poder ler os nosos tweets na páxina mesma de Twitter, podedes atopalos tamén incrustados na barra da dereita aquí no Blogue, ou integralos, por exemplo, no voso tuenti.
Pouco máis queda, repetir o escrito no paréntese do principio: imos ver como vai esta nova andaina! e mencionar a orixe da moi orixinal imaxe que ilustra a entrada. Trátase do traballo Everything Ages Fast, da axencia de publicidade brasileira Moma Propaganda.


Un saúdo!

18/11/11

Unha tarefa nunca desexada!

Nestas mesmas datas, hai setenta e cinco anos, os traballadores e traballdoras do Museo do Prado e da Biblioteca Nacional atopábanse cunha circunstancia que nunca desexaran: os bombardeos que se estaban a producir na capital.
O 16 de Novembro de 1936 ao patrimonio do noso principal museo engadíanse unhas singulares obras de arte, do arte de esnaquizar á xente: espléndidas bombas, algunhas de varios centos de quilos, outras máis pequenas, outras moito máis pequenas, pero incendiarias.
Esta entrada non vai ter cor política algunha. Non se trata diso. Só quero lembrar o traballo de conservación do noso patrimonio cultural —libros, pinturas, documentos, etc.— levado a cabo por uns cantos traballadores responsables da súa labor. Estes, en ocasións ao marxe das súa ideoloxía particular, desenvolveron unha tarefa nunca desexada pero, se cadra, necesaria.
É certamente moi difícil atopar un adxectivo que encaixe axeitadamente con esas escenas que recollen os libros de Historia; Velázquez, Goya ou Durero viaxando en camións militares a trinta quilómetros por hora ata Valencia.
Nesta pequena lembranza déixovos unha ligazón, á exposición Arte Protegido que se levou a cabo no Museo do Prado en 2003 e que pode visitarse aínda na Rede; e a un moi interesante podcast de RTVE correspondente ao programa Documentos, emitido o 15 de Maio do pasado ano.


Ata outra!

11/11/11

Non teñen sona, pero sen eles isto non soa!

Cando asistimos a un concerto e desfrutamos dun bo anaco de música ben fresca (do pincho, como a pescada!), poucas veces apreciamos o traballo desas outras persoas que, aínda sen recibir nin un dos nosos aplausos, fan que todo ese fenómeno sonoro chegue ás nosas orellas. O seguinte exemplo levaranos ao corazón desta entrada. Pensemos na actuación dun pianista. Oh! que interpretación! Que profesional! Pero, que me dicides dese outro profesional que algunhas horas antes e tamén cunhas mans moi destras transportaba os máis de trescentos quilos do instrumento? Unha actuación tan sobresaínte, que o aparello presentábase ante o público limpo, sen rabuñadura algunha e coa afinación sen variar nin un só hertzio.
O caso é que un piano como xa vos dicía pesa algúns centos de quilos, e o seu transporte é unha tarefa ao mesmo tempo pesada e precisa. Un bo transportista precisa moita maña, non pouca forza e unha boa cullerada de paciencia nas longas horas na autoestrada. E todas estas características, sen dúbida, as podemos relacionar cun dos protagonistas do programa Sobre Rodas da cadea V Televisión, emitido o pasado 15 de Xullo. Trátase de Luis Sánchez, un personaxe que é difícil non ver nos arredores de moitos dos concertos da nosa comunidade cando é precisa a presenza dun piano, e ademais moi apreciado entre os nosos músicos.


Un saúdo!

24/10/11

24 de Outubro

É certo, que se cumprísemos con todas as celebracións que cada día o noso planeta propón, non habería tempo para facer máis nada. Hai celebracións ben frikis, hainas, pero tamén hai outras que non está mal lembrar. E aquí estamos nós, porque hoxe celébrase o Día da Biblioteca. Dende o ano 1997, nesta data trátase de chamar a atención da sociedade acerca deste estupendo servizo público que, se cadra, aínda non é apreciado dabondo. Pola miña parte, compartirei con vós as dúas características das bibliotecas que máis me levan a miúdo a elas: un lugar cheo de fabulosos mestres (Bal y Gay, Ortega y Gasset, Schönberg, etc.) dispostos a ensinarme unha morea de cousas, sempre con moita paciencia e ademais de balde; e un lugar no que nós mesmos, coas desideratas, podemos facer medrar o seu catálogo. Para min, chega ben.
Eu vos deixo coa ligazón ao web do Ministerio de Cultura onde poderedes atopar o cartel que ilustra esta entrada ademais dos obxectivos desta data, e cun vídeo da canle que ten en YouTube a Biblioteca Nacional acerca desta institución (hoxe é un bo día para visitar este espazo, ainda que sexa virtualmente). Só unha cousa, en canto a esta biblioteca resulta moi interesante o texto Reflexiones literarias para una biblioteca real, do noso Martín Sarmiento (o homenaxeado en 2002 no Día das Letras Galegas), que é posible descargar dende a mediateca do web do Consello da Cultura Galega.


Un saúdo!



20/10/11

.odt

Cando chega dende unha institución pública ao meu enderezo electrónico un arquivo coa extensión .docx, que é producido polo ben coñecido Word, o procesador de textos da suite ofimática Office, chegan tamén dúas reflexións. A primeira: por que se emprega un formato que, de non atopar outra solución, obrigaría a gastar unha boa cantidade de diñeiro para poder abrilo, habendo unha solución de balde? E a segunda: non sería mellor utilizar un formato como o pdf que non pode ser modificado?
A secuencia adoita ser esta: o usuario merca unha computadora; o usuario desexa escribir textos; o usuario, despois de preguntar, coñece Word, un programa que calquera coñecido pode instalar no disco duro e así non ter que mercar o programa orixinal, porque custa, Uf!; o usuario emprega Word e está moi contento con el (o programa sen dúbida é moi bo!); o usuario, cando precisa enviar un texto por correo electrónico non o dubida e achega o correspondente arquivo .docx; este usuario, se traballa na administración pública e ten un certo grao de responsabiblidade e entende como axeitada esta maneira de traballar, agora non é o usuario, somos os cidadáns que, como resultado, vémonos na obriga de usar Word, ou alomenos manexar, non sempre dun xeito plenamente funcional, o seu formato. O usuario, podería empregar Word dunha maneira persoal, e axudar despois a que as institucións públicas utilizaran formatos abertos, producidos por programas non de pago. Deste xeito, aforraríanse moitos cartos e moitas copias ilegais de programas.
Con todo isto non busco en maneira algunha escribir unha entrada antisistema, somentes apuntar un «facer» práctico á cuestión do intercambio e compatibilidade de arquivos. E outro apuntamento: os emregados de Microsoft e as súas familias teñen tamén que comer!
O resumo ao xeito de nova publicada estes días no xornal de Colombia Vanguardia: Este fin de semana el gobierno francés anunció que varias de sus agencias oficiales usarán LibreOffice, un proyecto basado en la famosa plataforma de aplicaciones de oficina OpenOffice, en 500 mil ordenadores con Windows a partir de este año. É natural!
Como se cadra xa sabedes, LibreOffice é unha suite ofimática de software libre, alternativa ao Office de Microsoft e ao tamén libre OpenOffice. Entre os seus aplicativos atopamos Writer, o procesador de textos da suite, que contén sen dúbida ferramentas dabondo para esta tarefa. LibreOffice ten versións para Windows, Mac ou LInux, descárgase de balde, e os seus arquivos entón si podemos compartilos sen o medo de que o receptor do arquivo non teña os recursos para abrilo.
Déixovos co vídeo promocional da conferencia do pasado fin de semana que se celebrou en París sobre LibreOffice, e cunha pregunta: o software libre, por que non?


Ata outra!


13/10/11

A traballar!!

Os que, por razóns académicas, andades día si e día non polo Conservatorio, ben sabedes que a Biblioteca xa está a funcionar fai dúas semanas. O seu motor está pouco a pouco collendo marcha, e agardamos que chegando ao Venres da vindeira semana estea xa traballando ao cen por cen.
Vexamos, primeiro as pequenas novidades que xa podemos palpar: as novas mesas (nas que nada esvara!) e o ordenador para consultar o catálogo ou para facer pequenas consultas na Internet. Ademais, este ano o horario de apertura vai dende as catro ata as nove do Luns ao Venres, ademais de tres horas na mañá deste último día.
En canto ás actividades programadas para este curso, agardamos poñer a camiñar todas as que pouco a pouco van sendo xa «tradicionais» para nós: as encrucilladas, os talleres, as citas no Día do libro, o concurso na Primavera ou o premio Comecontos. E despois destas «clásicas» (como as do Ciclismo) temos no peto algunhas poucas ideas das que esperamos que axuden a dinamizar este benquerido espazo do centro.
Polo de agora pouco maís, Eu, como podedes ver na fotografía, puxen xa o traxe de faena. A que teño boa pinta?


Un saúdo!
(O da foto é Janus Dousa, o primeiro bibliotecario da Universidade de Leiden)

22/9/11

Reciclar edificios?

Agrádame reciclar cousas. Máis ben diría «reutilizar», pero quedarei con «reciclar», que é a palabra que se emprega acotío. Pois si, agrádame reciclar; paréceme ben volver usar calquera cousa que semella xa aspirante ao punto limpo, pero que verdadeiramente aínda pode ser útil moito tempo.
Reciclar, ademais, é as veces un pasatempo ben xeitoso e sen dúbida unha maneira de administrar os cartos con sentidiño. Un bo exemplo o atopamos nas computadoras; a miúdo, máquinas que xa parecen estar en idade de xubilarse, poden funcionar moito tempo só substituíndo o seu sistema operativo (aquí, perdón, unha distribución de Linux é case a única solución).
Pois o mesmo pasa cos edificios. Cando se precisa un espazo para un organismo público, é certo que as veces hai que facer unha construcción nova, pero tamén é certo que hai moitos vellos, fermosos e históricos edificios que poden reciclarse para outra vez ser útiles moito tempo. Cando isto se fai, o resultado adoita ser interesante: o edificio dunha vella fábrica de cervexa ou dun hospital acollendo agora unha escola de música ou unha biblioteca. Unha mestura de tempos, espazos e funcións que é, cando menos, singular.
Imos entón ao obxecto desta entrada, que é desfrutar dun vídeo acerca do edificio da Biblioteca de Catalunya. Trátase dunha construcción do Século XV que acolleu ata o pasado século o Hospital de la Santa Creu, e que en 1931 foi reciclado polo concello da cidade de Barcelona para ser o edificio da biblioteca. E como antes xa diciamos, resulta cando menos singular observar esas salas e corredores, ocupadas no tempo por un contido (permitídeme a expresión) tan diferente.
Este reciclaxe de antigos edificios para acoller bibliotecas o atopamos noutras institucións da cidade de Barcelona. Unha das bibliotecas da Universidade Pompeu Fabra que ocupa un antigo depósito de auga (o espazo chama verdadeiramente a atención), ou unha das bibliotecas públicas da cidade instalada na antiga fabrica téxtil Vapor Vell (botade unha ollada á colección de imaxes antigas sobre a fábrica que ten a biblioteca en Flickr).
Hai que ir pechando a entrada. O resumo é o seguinte: reutilizar antes de tirar e volver facer ou mercar, é as veces unha intelixente práctica.

Ata outra!


16/9/11

Tarefas pendentes!

Un saúdo! Xa andamos de novo por aquí; un chisco tarde pero co repouso do Verán hai que ser ben cumpridores. O caso, esta primeira entrada de Setembro é preciso adicala a dúas tarefas pendentes: a publicación do relato gañador do Cóntamo con tempo, e uns apuntamentos sobre o premio escollido para este concurso. Comezaremos polo premio. Os que estivestes no acto do pasado Xuño, lembraredes que o agasallo escollido foi unha figuriña dun merlo en cerámica da nosa, Sargadelos. Ao elixirmos o premio para o Cóntamo con tempo fumos á procura dun agasallo que ademais de xeitoso agochase certo significado. Un paxariño, neste caso un merlo, representa para nós un feixe de cousas. A súa brevedade, tanto no tempo como no espazo, que é tamén a brevedade dos microrelatos; a sinxela e brillante elegancia da súa cor, que simboliza tamén a simplicidade do exercicio de contar unha pequena historia só cun lapis e un papel sen que esta resulte vulgar. A fermosura na música do seu canto, que dicir disto? A súa presenza na nosa terra e nas letras do noso cancioneiro popular (Eu quixera ser merliño, e te-lo pico encarnado...). E para rematar, a arte da nosa cerámica, parte xa da cultura e a tradición do noso pobo. Por todo isto escollimos o merliño, que ben esperamos volva atoparse con nós como premio da seguinte edición do concurso.
E a outra tarefa pendente: a publicación do traballo gañador, escrito polo noso estudante de Tuba Denís Blanco Carbón. E ben certo que baixo unha árbore é o lugar máis axeitado para escoitar o canto dun merlo; aínda así, aquí vos deixo unha gravación deste. Mesmo pode acompañar a lectura do relato de Denís!

Ata outra!

28/7/11

Amnistía é lectura!

Non, non é unha proclama política, é a nova que recollemos acerca da acción levada a cabo pola New York Public Library; unha amnistía para máis de cen mil rapaces sancionados sen poder levar materiais emprestados a causa dos retrasos nas devolucións. Sucede que esta institución non quere que os nenos estean sen poder ler nestes meses do Verán que é cando hai máis tempo para facelo, así que aquí vai a acción: parabéns!
A nova a podedes ler no xornal El Mundo. E aproveitando que estamos a falar dunha das bibliotecas públicas máis recoñecidas do Planeta, correspóndeme ilustrar axeitadamente esta entrada. Dúas ligazóns: á galería que a NYPL ten en flickr, na que podemos desfrutar dunha morea de fotografías antigas como a que vemos á esquerda; e a ligazón á súa canle en YouTube, de onde saíu este vídeo que recolle un dos actos da celebración do cen aniversario do edificio da biblioteca, nesta ocasión a instalación (non permanente!) dunha reprodución de Nathan Sawaya dun dos leóns que están a porta do edificio da biblioteca feita con preto de sesenta mil ladrillos de LEGO. Xa veredes!


Ata outra!



19/7/11

As laranxas e os Ipad non se venden ben en Łódź

O tempo pasa (menuda cousa obvia!). Uns músicos nos deixan e aparecen outros novos. Se consultáramos por exemplo La Voz de Galicia en Marzo de 1973, poderíamos ler a nova do concerto de Arthur Rubinstein celebrado entón na Coruña; se camiñamos ata Maio de 2010 o pianista xa non é Rubinstein, é outro chamado Lang Lang, e o seu concerto de Santiago de Compostela. E que? Pois que no eido da interpretación é importante coñecer aos intérpretes de agora e aos de antes. E para que? Para ser quen de avaliar (desculpade a palabra) con verdadeira exactitude a calidade interpretativa.
E aquí imos nós, unha biblioteca, a presentar o agora e o antes da interpretación pianística para que vós fagades (se é posible) unha máis axeitada opinión das cousas. E que claro, un rapaz que toca Chopin cunha laranxa, Rimsky-Korsakov cun Ipad, todo a fume de carozo, e ademais engade xestos e ademáns, podería confundir algo os nosos hemisferios cerebrais. Por todo isto, aquí vos presento un pequeno e amistoso careo pianístico; o material escollido é unha gravación en directo do moi coñecido Op. 53 de Frédéric Chopin, a súa Polonesa Heroica. Os intérpretes son Arthur Rubinstein (1887-1982) e Lang Lang (1982-); os rexistros son dos anos 1964 e 2010.
Eu alomenos si teño a miña opinión (
que espero que non se perciba moito), pero a deixarei para min que non quero condicionar.

Vós diredes...





14/7/11

Sunshine Award!!

Ooohh!! Maís ou menos iso foi o que expresei ao ler o correo de Cristina e Pilar da Asesoría de Bibliotecas Escolares, e darme de conta de que recibíramos un agasallo dende o seu blogue Hora de ler. Trátase do Sunshine Award, un fermoso premio que ten como condición para o recibir, mencionar unha ducia de blogues, adicados nesta ocasión á promoción do libro e a lectura. O caso é que o noso Blogue e a nosa Biblioteca recollen con moita ilusión este recoñecemento da nosa Asesoría; esta biblioteca «rara» que emprega unha linguaxe tan estraña e que ten tantos libros de eses cheos de pentagramas, as veces séntese un chisco fora de lugar; pero só un chisco, xa que o obxectivo seica é o mesmo, ir á procura desa biblioteca escolar ideal da que falaba Tove Pemmer Sætre, ese lugar onde os alumnos teñen a oportunidade de poñer en práctica e desenvolver a súa capacidade de reflexión e a súa habilidade de facerse preguntas e de procurar e acadar respostas
Moitas grazas a Hora de Ler, e aquí vai a nosa ducia de blogues.

Parabéns!!

11/7/11

CPES15

Non, non se trata dunha desas computadoras dos anos setenta das que falo de cando en vez; trátase da decimoquinta edición da Campus Party que está a se celebrar nestes días na Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia. O acontecemento é verdadeiramente singular: algo máis de seis mil afeccionados ás novas tecnoloxías que se concentran durante sete días participando en talleres, conferencias, xogos, etc. Os campuseiros dispoñen des espazos de acampada, restauración e lecer, ademais dos adicados ás actividades do evento. Aínda que o corazón do encontro segue sendo levar o equipo propio para conectar con outros participantes, a Campus Party foi medrando estes anos e case sería posible dicir que o maior interese está nos talleres e conferencias. En canto aos talleres, hai unha morea deles e unha morea tamén de temas: astronomía, fotografía, redes, software libre, robótica, reciclaxe, e máis... Pero case o mellor do asunto é que unha boa parte do evento a podemos desfrutar na Internet.
Facede caso á recomendación (se os van estas cousas tecnolóxicas, claro) e calcade na ligazón ao seu web...
Déixovos coa nova do acontecemento recollida hoxe no xornal El Mundo e tamén no xornal El País, e cun vídeo da chegada dos campuseiros.

Ata outra!


8/7/11

María Moliner: a persoa

Podería ser que alguén que estivera a ler estas liñas non soubese que María Moliner é algo máis que o nome dun dicionario. Alomenos para min foi un achado cando xa hai tempo coñecín á persoa que se agochaba detrás do nome daquel coñecido dicionario. E xa que andamos con aniversarios, quede aquí a nosa lembranza desta descoñecida pero interesante María Moliner, que morría fai este 2011 trinta anos. María naceu en 1900. Foi alumna da Institución Libre de Ensinanza, licenciada en Filosofía e Letras. En 1922 ingresa no Corpo Facultativo de Arquiveiros Bibliotecarios e Arqueólogos. A pesar de que a súa primeira labor desenvólvese no eido dos arquivos, o desexo de María e traballar no das bibliotecas. Coa proclamación da Segunda República en 1931, constitúese o Patronato das Misións Pedagóxicas que ten coma unha das súas funcións fundamentais a creación de bibliotecas en todos os pobos visitados (no ano 1935 eran xa máis de cinco mil as bibliotecas creadas). Nese ano 1931 a nosa protagonista é nomeada membro da Delegación valenciana do Patronato de Misións, comezando entón a traballar no proxecto dunha rede de bibliotecas en Valencia que presenta en 1935 no II Congreso Internacional de Bibliotecas e Bibliografía. Neste evento xúntanse cincocentos congresistas de corenta e nove países para tratar diferentes asuntos como a formación dos bibliotecarios ou as bibliotecas populares. María participa no congreso co seu proxecto titulado Bibliotecas rurales y redes de bibliotecas en España. Deste congreso compre lembrar o fabuloso discurso inaugural de José Ortega y Gasset titulado Misión del bibliotecario.

Rematando o ano 1936, o goberno da República trasládase a Valencia co motivo dos combates que se están a producir en Madrid; isto fai que María comece a traballar dun xeito moito máis directo na xestión nacional das bibliotecas. A este respecto, elabora un plan estatal de bibliotecas do que só unha pequena parte se levaría a cabo (polo remate da Guerra) e que aínda hoxe resulta actual. Permitídeme un apuntamento: en canto ás bibliotecas escolares, considera a formación bibliotecaria dos docentes como un contido do currículo, isto aínda non o coñecemos...

Despois da Guerra, a depuración feita polos gañadores rebaixará dezaoito postos a categoría laboral de María Moliner e a levará á Biblioteca da Escola de Inxeñeiros de Madrid, na que traballará ata a súa xubilación en 1970.

Non escibimos nin unha liña acerca do seu coñecido dicionario, pero a misión desta entrada era amosar esta faciana descoñecida da autora do Diccionario de Uso del Español.

E para ilustrar, uns cantos recursos. Un artigo publicado no número 62 do Boletín da Asociación Andaluza de Bibliotecarios; outros dous artigos, un do xornal El País e outro do El Cultural; un documental de RTVE; unha biografía escrita por Inmaculada de la Fuente e publicada por Turner titulada El exilio interior. Para rematar este audio do programa de RNE1 Fin de Siglo emitido en Marzo de 1999.


Un saúdo!



5/7/11

Vinte anos!!

Este ano, ademais de lembrar a persoeiros como Mondonville, Liszt ou Stanley Clarke nos seus diferentes aniverarios, tamén o facemos coa publicación da versión 0.01 de Linux. Foi o 17 de Setembro cando o noso coñecido Linus Torvalds subía esa primeira versión ao servidor ftp da Funet, a rede das universidades finlandesas. Nese mesmo Verán, Torvalds anunciara nun grupo de noticias que estaba a traballar nun sistema operativo basado en UNIX (outro sistema operativo, creado en 1969, e que é a base de Linux e do ben coñecido Mac OS X).
Non sabemos canto haberá que mergullarse nos xornais este Outono para atopar a nova dos vinte anos de Linux, pero nós aquí si que deixamos a lembranza. E para ilustrar, aquí vos deixo esta interesante entrevista co autor, recollida no xornal arxentino Página /12 (unha curiosidade, o seu sitio está elaborado con Linux), e unha imaxe xa con moita solera: Dennis Ritchie e Ken Thompson, os que crearon UNIX, perante unha computadora PDP-11 en 1972.

Ata outra!!

23/6/11

Parabéns!!

O pasado Martes, como xa aunciabáramos, tivo lugar na Biblioteca o acto de entrega do premio Comecontos e o do III Concurso Día do Libro. O encontro foi pequeno na súa duración e no número de asistentes, pero sen dúbida resultou moi, moi ameno. Contamos coa nosa vicedirectora Aída Latorre, cos dous gañadores, a correspondente familia, e un pouquiño de público ben selecto... Desfrutamos dun pouco de Beethoven, dalgunha cita, da viñeta que aparecía na penultima entrada... En resumo, o pasamos ben... e por suposto entregamos os agasallos!!
En canto aos agasallos, o correspondente ao Concurso Día do Libro merece unha entrada propia que espero escribir nestes días.

Parabéns a Sheila e a Denís!!

20/6/11

Os premios, que xa é tempo!!

Mañá Martes ás 5 da tarde (hoxe para os que recibírades esta entrada no voso correo electrónico) está programado o acto de entrega dos premios correspondentes ao Cóntamo con tempo e ao Comecontos. A ceremonia (permitídemo) terá lugar na sala de actividades da Biblioteca.

Estades convidados (esta entrada case foi un tweet, chámanlle así, non?)

Comecontos!!

Xa coñecemos o nome de quen máis empregou o seu carné de lector neste xa case rematado curso... Sheila Hermida Estornell, unha tamén estupenda pianista, estudante no grao profesional. Se cadra, as veces habería que lembrar esa cita de Ray Bradbury, Hai peores cousas que queimar libros, unha delas é non os ler... ou esta outra de Umberto Eco, O mundo está cheo de libros preciosos que ninguén le... O caso é que a nosa Comecontos non fixo ningunha destas cousas e aquí está o resultado.
E para ilustrar, outra viñeta de Forges (a rapaza ben podería ser a nosa protagonista).

Parabéns á nosa premiada!!


12/6/11

Pechaaamoos!! (que se lle vai facer...)

O pasado Vernes a nosa Biblioteca pechaba as súas portas ata o vindeiro Setembro. Como sabedes, a Biblioteca permanece aberta namentres hai clase nas aulas, pero ao rematar o tempo lectivo...
En calquera caso aínda quedan algunhas cousas, o acto de entrega do premio ao gañador do Cóntamo con tempo, o Comecontos (este coñecerase nestes días)... Vexamos, se tedes algún libro na casa (da Biblioteca, se entende, porque libros vosos teredes, ou non?) o podedes deixar en Conserxería. Outro asunto: se precisades algún material, podemos axudarvos abrindo calquera día a Biblioteca. Para isto só tedes que enviar un correo (bcmuslugo@gmail.com), ou abordar ao rapaz (home, rapaz...) ese de gafas que anda entre a aula B4 e a Biblioteca...
O caso, non me despido que aínda queda moita actividade!

Abur! (como dicían no Xabarín Club)

11/6/11

Bravo!!

Con algúns días de retraso, aquí está a máis que obrigada entrada do Blogue adicada ao concerto que desfrutamos o pasado Luns no Círculo das Artes da nosa cidade. E para non perdelo era!! Unha ducia de músicos que ofreceron aos nosos oídos un fabuloso Carnaval, na parte musical, estética, organizativa... Bravo!!
Aquí vos deixo algunhas fotografías que puiden facer, pero que só poden amosar o bo aspecto que ofrecían os nosos compañeiros... e que non queden sen nomear! Araceli, Diego, Henar, Ivan, Javier, Jorge, Jesús, Nacho, Pablo (frauta), Pablo (Viola), Sergio e Silvia. Parabéns a todos e todas!!
Unha recomendación antes de pechar a entrada: a fantástica crónica do concerto de Pablo Coria (o frauta do Carnaval) no Blogue da Orquestra de Frautas de Galicia.
E un apuntamento: unha magoa que non puidésemos desfrutar da interpretación no auditorio do Conservatorio.

Un saúdo!



6/6/11

Xa hai gañador!

Despois de dúas semanas de votación, xa coñecemos o relato gañador do Cóntamo con tempo, a terceira edición do noso Concurso "Día do Libro". E coñecemos tamén ao seu autor, claro! Denís Blanco Carbón. O caso é que Denís non nos é descoñecido, xa que ademais de ser un dos nosos estudantes de tuba e participar no Coro de grao elemental, foi o gañador hai dous anos do segundo premio na primeira edición do concurso (aquel ano adicado á elaboración dun marcapáxinas). Aínda que os votos estiveron moi repartidos, o seu traballo, o número 20, foi con bastante diferenza o máis votado. No relato, un rapaz (ou rapaza) cóntanos o que lle sucedera a seu pai mentres vía un libro de ilustracións... Esperamos publicar pronto o conto aquí para que poidades desfrutalo.
Permitídeme ilustrar a min a entrada con esta ben fabulosa pintura de Henri Rousseau.

Un saúdo e parabéns!

3/6/11

E os cascos foron para...

Martín López Guerreiro, un dos nosos xoves participantes no sorteo de onte nas Encrucilladas. Xa participara antes, pero aínda non ganara nada, así que xa era tempo! Coma sempre, agardamos que pelexando co pasatempo aprendésedes algunhas cousas interesantes. Se cadra que Una cosa rara é unha ópera de Vicente Martín y Soler, que un noneto é unha composición para nove intrumentos, ou que Tientos é o título de un fabuloso libro de ensaios sobre música escrito por Jesús Bal y Gay. Aquí vos deixo a encrucillada resolta e esta fotografía, feita esta mañanciña, que pode ilustrar axeitadamente esta entrada.

Ata outra!

31/5/11

98 anos

Fai tres días, un moi importante aniversario pasaba case sen que nos decatásemos. O Domingo 29 cumpríanse 98 anos da estrea do ballet A consagración da primavera de Igor Stravinsky. E que? Pois nada, só se trata dunha das composicións fundamentais da historia da música, escrita por un dos autores que pelexarían polo título de compositor do século. Na Consagración é ben certo que todo é significativo, e o foi máis para os que acudiron aquel Xoves 29 de Maio no Teatro dos Campos Elíseos en París. O comezo mesmo, unha frase interpretada polo fagote nun rexistro agudo pouco «axeitado»; a linguaxe ou a rítmica da música; a coreografía de Nijinsky; a persoa de Diaghilev (o empresario que encargara a composición a Stravinsky); se cadra a xuventude do autor (trinta e un anos aínda non cumpridos)... Segundo se conta, ademais do son da orquestra no teatro escoitouse durante o todo o tempo os berros, patexos e discusións entre os que estaban a favor e en contra da música. Pois nada, aquí está a nosa pequena homenaxe a esta senlleira composición. So unha cousa máis: esta estupenda guía didáctica (case unha exposición) sobre a obra que ofrece o web da Orquestra Sinfónica de San Francisco.

Ata outra!

27/5/11

Para non perdelo!

O Luns 6 de Xuño ás oito do serán no Círculo das Artes da nosa cidade está programado un concerto que sen dúbida é para non perder. É que non todos os días xúntanse unha ducia de profesores para facer música, é unha música tan fabulosa coma o Carnaval dos animais de Camille Saint-Säens. Pois sí, unha ocasión para aproveitar; esa máis ou menos broma musical que Saint-Säens escribiu e que resulta aínda hoxe ben moderna. E para ir preparados como corresponde, aquí vos deixo este podcast do programa Estampas da nosa Radio Clásica que contén unha coñecida versión da obra (pero non mellor ca do Luns). Ah!, e o programa...

Un saúdo!





Concerto da OFG!

Non, non é a ben coñecida OSG, trátase da OFG, ou o que é o mesmo, a Orquestra de Frautas de Galicia. Se non oistes falar dela, xa vai sendo tempo de que saibades que na nosa comunidade temos algo tan xeitoso como unha orquestra composta só por frautas. E o caso é que tamén compre saber que hai unha chea de frautas ademais da traveseira de concerto e o frautín: a tenor, baixo, contralto, etc. ...e se nos mergullamos un pouco de máis somos quen de topar cos máis de cinco metros de tubo e quince quilos da frauta dobre contrabaixo (é a que podedes ver na imaxe). Pero non marchemos do asunto, que este Domingo está programado ás oito do serán un concerto da OFG no Centro de Convivencia Fingoi en Lugo.
Aquí vos deixo o programa, e se me permitides, xa que unha biblioteca, ou o seu blogue, debe ser unha fiestra aberta ao coñecemento (seica quedou ben a frase), vos deixo tamén cun vídeo do frautista italiano Roberto Fabbricciani e un monstro chamado frauta hiperbaixo; é todo un fenómeno sonoro que vai ata os dezaseis hercios, máis abaixo do que un oído pode percibir...

Ata máis ver!


18/5/11

Un erro na encrucillada!!

Dúas letras fora de sitio: a encrucillada non pode ser resolta! Un participante decatouse e no lo dixo esta tarde. Por algo a caixa da Biblioteca estaba aínda baleira... O caso: sentímolo moito! Esperamos amañar o erro con algúns carteis e dicíndoo nas aulas. Polo de agora, aquí está o pasatempo xa correxido.

Un saúdo e ánimo!

Os carteis de Lois

Un curso máis achegámosvos os carteis do traballo gañador do concurso que Política Linguística convoca co motivo do autor ou autora homenaxeada no Día das Letras Galegas. Como ben sabemos este ano foi o poeta monfortino Lois Pereiro o autor ao que se adicou este día. En canto ao concurso, este ano o centro gañador na categoría de educación primaria foi o CEIP de Laredo (Chapela). Nesta ocasión a exposición na nosa biblioteca (agardamos que só polo de agora...) será só virtual. Aquí vos van os carteis e a guía da exposición.

Un saúdo!



16/5/11

Moito conto!

34 relatos: esta foi a ben xeitosa participación no III Concurso Día do Libro, que nesta ocasión chamamos Cóntamo con tempo. O certo e que entre as cinco e as seis da tarde do pasado Mércores, a calma da Biblioteca rachouse polo abordaxe dos participantes que durante esa hora estiveron pelexando coas catro palabras de obrigada presenza no relato, e o pequeno espazo do que dispoñían. As palabras? libro, Beethoven, tigre e sopa... que saería de aí?
A partir deste Mércores 18 os relatos expoñeranse na Biblioteca e comezará así a votación que rematará o 1 de Xuño.

Xa vos seguiremos contando, un saúdo!


8/5/11

Cóntamo con tempo

Mércores 11 de de Maio de 2011. Achégate á Biblioteca ás 5 da tarde, recolle un dos nosos papeis selados, e escribe un pequeno relato que deberá conter catro palabras «enigma» reveladas nese intre; un apuntamento: só tes unha hora para escribilo, debes rematar antes das 6. O gañador sairá de votación popular!! Que dis, participas?

Este é o texto do cartel co que estamos a promocionar o III Concurso "Día do libro", que nesta ocasión está adicado á composición dun microrelato. Despois de dúas edicións coa elaboración dun marcapáxinas como traballo trocamos as artes plásticas polas literarias. Trátase entón de compoñer un pequeno relato de tema libre nunha cara dun A5, empregando catro palabras que se coñecerán á hora de comezo do concurso. O tempo máximo para elaborar o taballo será unha hora. A partir do Mércores 18, os relatos expoñeranse durante dúas semanas (sen aparecer o nome dos autores e autoras) comezando así unha votación popular. Cada alumno ou alumna do centro poderá emitir dous votos. Ademais, o concurso está aberto á participación de pais e nais e de nós, aínda que non poderemos acceder a premio algún. As bases as podedes descargar nesta ligazón.

...que dis, participas?

29/4/11

Segunda encrucillada!

O Blogue estivo parado estes meses, pero a Biblioteca seguiu, máis ou menos, facendo vida normal (como din os médicos). O caso é que a primeira encrucillada a publicamos a finais de Decembro; o sorteo o fixemos en Febreiro, e aquí estamos coa segunda. Nesta ocasión repetimos agasallo, uns ben bonitiños auriculares (moi á moda). O sorteo está programado para o Xoves 2 de Xuño ás 19:45 na entrada do Conservatorio. A encrucillada a podedes descargar dende esta ligazón, ou recollela na Biblioteca.

Veña que non é difícil!

28/4/11

13 caracteres menos!

Un pequeno achado destes días: modificar a URL do Blogue. Qué é isto da URL? Pois o que escribimos no navegador para acceder a unha páxina calquera da Internet ou ao contido dunha ligazón. O caso é que xa facía tempo que iso de bibliotecadocmusdelugo parecíame, moi completo si, pero moi, moi longo; non era doado quedar cun nome de vintedous caracteres, ao que ademais era preciso engadir o blogspot.com. Así que agora para cargar o noso Blogue no navegador só teremos que escribir bcmuslugo.blogspot.com. Se cadra perdermos algo de tráfico, que a de ser pouco, pero gañaremos un nome máis manexable.

Ata outra!

Saímos da hibernación!

Igual que a tripulación da Nostromo (a nave de Alien, o film de 1979 de Ridley Scott, cunha estupenda música de Jerry Goldsmith): unha circunstancia externa fai que teñamos que poñernos ao traballo. Aquí non é un pasaxeiro tan pouco amable coma o da película, senón unha morea de novas e actividades da Biblioteca nas que este espazo virtual é un recurso de moita utilidade. Dende a última entrada, o 14 de Decembro, pasaron unhas cantas cousas, pero iso o deixaremos para cando teñamos un anaquiño de tempo. En calquera caso, alegrámonos de estar outra vez por aquí... Imos ao de hoxe... ou ao de onte, xa que celebrouse (un chisco desprazado no tempo) o Día do libro e os dereitos de autor; nós, coma o ano pasado, adicámonos a empapelar o Conservatorio, é dicir, a colgar na porta de cada aula unha cita adicada aos libros, a lectura e ás bibliotecas. A actividade a chamamos Una cita en el aula... Esta pequena exposición durará ata o vindeiro Venres 6 de Maio, así que aquí vos deixamos todos os carteis coas citas para que as poidades ler cando queirades. Só unha cousa máis: outra cita; extraída da mensaxe que Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO, publicaba co motivo desta celebración.

Os libros son ao mesmo tempo obxecto e idea. Coa súa forma material e o seu contido inmaterial, os libros son vectores dos pensamentos do autor e atopan o seu significado no maxín dos lectores. Aínda que a lectura é unha conversa privada, os libros repousan na idea de compartir: compartir experiencias, coñecementos e puntos de vista.

Un saúdo!