24/11/12

Elizabeth e Richard

Elizabeth, unha fermosa biblioteca, e Richard, un xove blogue, casaban o 24 de Outubro de 2008. En Decembro de 2010, despois de dous anos de intensa relación e non sen pesar, separábanse. Pouco máis de catro meses despois volvían compartir ceros e uns na virtual Blogosfera, aínda así, e a pesar de que os papeis dicían que todo seguía igual, as cousas xa non eran as mesmas; había distanciamento, cada un polo seu lado.
Hoxe, somos espectadores da súa segunda separación, din eles, que esta vez por bastante tempo. Volverán xuntarse?

Dacordo, só era unha pequena broma ao xeito de crónica rosa. É que ao comezar a elaboración dunha entrada adicada a informar que outra vez era preciso parar a actividade no Blogue, foi necesario botar man dalgunha charabisca que fixera máis doado o asunto. Si, hai que parar. As tarefas máis substanciais da nosa actividade docente deben ir sempre antes que outras, máis accesorias, coma a administración do blogue da biblioteca. Hai que botar lastre fora do cesto para que o globo prosiga o seu camiño.
Polo de agora quedamos co Twitter, e respecto a esta parcela da Blogosfera hai que volver con Elizabeth e Richard, e así, ademais, aclaramos a broma. A actriz Elizabeth Taylor e máis o actor Richard Burton casaron, separáronse, casaron outra vez, e volveron separarse. Andaban tanto moi queridos coma moi pelexados. Pois o caso é que Richard, uns días antes de morrer, e cando levaban xa algúns anos separados, aínda escribía a Elizabeth para pedirlle unha nova oportunidade e poder regresar a casa. E aquí o mesmo, o Blogue a Biblioteca, xuntos, separados, así son as cousas!

Vémonos polo Twitter, un saúdo!

22/4/12

CCT12

Uf! Non espero moito dunha competición de acrónimos. CRTVG, OSG, OFG, etc. Pero, CCT? Pois trátase do moi noso Cóntamo con tempo, o concurso de microrelato que o pasado Xoves celebraba a segunda edición. Lembrades aquelas libro, sopa, tigre e Beethoven do pasado ano, coas que o noso tuba (ou bombardino!) Denís compuxo aquel estupendo relato? Este ano as palabras propostas foron escaleira, páxina, voz e azul. Dende mañá pola tarde os quince traballos participantes poderanse ver na Biblioteca, comezando ao mesmo tempo a votación popular que se estenderá durante dúas semanas, e da que sairá o relato gañador. Xa vos contaremos!


Só un apuntamento: coñecedes o concurso Relatos en cadena que organiza a Cadena SER e a Escuela de Escritores dende fai xa uns cantos anos? Pois calcade nesta ligazón.


Un saúdo!

2/3/12

Emerson, Lake e ...

Se cadra, no caso dos máis novos non sexa así, pero os algo máis vellos (só un pouco máis) de seguro que no momento de ler o título da entrada a completaron sen dúbida algunha. Emerson, Lake e ..., os integrantes dunha senlleira banda de Rock dos anos setenta, é o 4 Horizontal da nosa segunda encrucillada.
Nesta ocasión sortearemos outra vez unha práctica (e ben xeitosa!) memoria USB.
O premio dos dezaseis GB da memoria está ben, pero o premio das dezaoito cousas que podemos aprender resolvendo o pasatempo tampouco están mal de todo (desculpade este pequeno ataque agudo de docencia, que lle vou facer!). Unha forma de variación semellante á Chacona? O nome dunha das irmás Boulanger? Un instrumento da música tradicional do País Vasco? Verdadeiramente non está de máis saber todo isto!
O sorteo está programado para o Mércores 23 de Maio ás 19:15 na entrada do Conservatorio, e o pasatempo o podedes descargar dende esta ligazón.
(A da foto, é a irmá Boulanger da encrucillada!)

Ata outra!

22/2/12

58 Rue Cardinet

Empregando un termo familiar: as publicacións no Blogue camiñan Adagio sostenuto. O caso é que andamos novamente por aquí.
Todos os anos hai unha chea de aniversarios para celebrar relacionados coa música, dos que, todo hai que dicilo, na Biblioteca nos ocupamos de maneira moi irregular. Onde quedou Liszt no 2011? Pero nada de chorar, e a traballar!
Este 22 de Agosto fará cento cincuenta anos do nacemento de Claude Debussy, xa sabedes, o pai do Impresionismo musical (a pesar de que a el non lle chistaba moito este termo). Así que este aniversario é unha boa ocasión para lembrar a este persoeiro que sen dúbida está na primeira división da historia da composición musical. Debussy foi un deses que, cunha boa orella no peto e a non desprezable formación do Conservatorio de París, marchou polas terras do sistema tonal que aínda quedaban sen coñecer. A crónica da viaxe levou o título de Preludio á sesta dun fauno, ou se cadra O Mar.
Así que aquí vai unha entrada con algúns recursos que andan pola Rede. Os documentos que atopamos na Europeana; os manuscritos dixitalizados da Gallica, espazo dixital da Bibliothèque nationale de France; os tres podcast do programa La biblioteca verde de Radio Clásica de RTVE adicados á relación de Debussy e a poesía da súa época; outro podcast, do programa Proscenio, tamén da Radio Clásica, acerca da música incidental O martirio de San Sebastián.
Na nosa biblioteca, instalamos unha pequena mostra cos materiais que se atopan no noso catálogo.
Déixovos co manuscrito do poema sinfónico O Mar que está dixitalizado na Gallica. Se pensamos nas condicións nas que se atopan estes documentos nas bibliotecas en canto á conservación e ao seu acceso ―que as veces mesmo nin é posible―, a dixitalización que de maneira xeral estase a facer destes materiais é sen dúbida unha achega tecnolóxica de moito interese.


O de 58 Rue Cardinet? Pois o enderezo de Debussy en París nos primeiros anos do pasado século.


Ata outra!

11/1/12

O que teño que aprender, dacordo. E o que quero aprender?

(Se cadra isto pode resultar algo transgresor, pero está nos manuais pedagóxicos, non invento nada.) Cando os docentes levamos a cabo unha escolma de contidos no momento de programar a nosa labor pedagóxica, moi poucas veces consultamos aos rapaces acerca dos seus intereses, das súas inquedanzas. É certo, nós somos os que sabemos verdadeiramente os contenidos precisos cos que acadar os obxectivos propostos; pero tamén é certo que non respostar axeitadamente o interés dos nosos alumnos e alumnas é semellante a esnaquizar eses brotes de afección (no noso caso pola música) que co transcorrer do tempo fructificarían abundantemente. Dito doutro xeito, dende o punto de vista do alumno: «o que teño que aprender, dacordo. E o que quero aprender?» O caso é que, desfrutemos da ensinanza que sexa (cunha porcentaxe máis ou menos elevada de contidos impostos), a biblioteca sempre será un lugar de aprendizaxe no que a escolma de contidos dependa só dos intereses de cada un de nós. Así que aquí vos deixo esta primeira entrada do ano ao xeito de reflexión sobre a nosa práctica docente e a función das bibliotecas, sexan públicas ou escolares. E para ilustrar, un vídeo publicado pola New York Public Library na súa canle en YouTube; nel podedes ver e escoitar (en inglés, ánimo que así practicades!) como algúns rapaces falan do que a biblioteca significa para eles. «O que quero aprender, e non o que teño que aprender!» O título desta entrada é unha das cousas que expresa unha das rapazas do vídeo!


Ata outra!