29/9/09

Comeza o curso!

Onte as aulas do Conservatorio abrían as súas portas... e a Biblioteca tamén. O seu horario de apertura no se fixará ata as primeiras semanas de Outubro, en calquera caso, todos os días atoparedes aberta a Biblioteca nas horas centrais da tarde. Do mesmo xeito, ata Outubro non será posible solicitar o carné de lector nin estará dispoñible o servizo de empréstito. En canto ao carné, este curso imos modificar o seu tempo de vixencia ampliándoo aos dous anos. Polo de agora tampouco están concretadas as actividades, concursos... Xa vos iremos informando segundo todo se vaia acomodando.

Ata pronto!

22/9/09

A Guía de Orquestra para Xoves

En 1946, o compositor inglés Benjamin Britten escribía para un programa da televisión unha obra que tiña por obxecto coñecer os instrumentos que compoñen unha orquestra. A composición levaba o título de Guía de Orquestra para Xoves: Variacións e Fuga sobre un tema de Purcell. Esta obra é, dende entón, un dos recursos máis empregados para dar a coñecer aos rapaces a orquestra como formación, e as distintas familias instrumentais que a compoñen. Britten escolleu para esta composición unha forma ben coñecida, a variación. Deste xeito, colleu un tema do compositor do Século XVII Henry Purcell para facer as variacións. A idea de Britten foi que primeiro a orquestra e as familias instrumentais presentasen o tema, e despóis cada instrumento fixera unha variación. Para rematar, unha Fuga permitiría novamente repasar todos os instrumentos escoitados nas variacións. Britten escribiu dúas versións da obra: unha cuns pequenos textos que debía ler un narrador e nos que se presentaban os instrumentos, e outra coa música soamente. Son máis ou menos dezaseis minutos de música, que ademáis é moi boa música. Na Biblioteca atoparedes unha gravación da obra e tamén a partitura. Aquí, no Blogue, recoméndovos outro recurso: un xogo estupendo que ofrece a páxina do Carnegie Hall, o auditorio da cidade de New York. O xogo chámase Listening Adventures e se trata dun xogo moi logrado no que Violet, a protagonista, debe ir á procura dos instrumentos da orquestra que se atopan perdidos pola sabana en África. Recomendable!

Ata outra!

19/9/09

O Manifesto da IFLA/UNESCO

No ano 2000 a IFLA e a UNESCO publicaban un manifesto sobre a biblioteca escolar, para chamar a atención das institucións e á sociedade en xeral acerca das bibliotecas dos centros educativos como elemento fundamental do aprendizaxe dos estudantes. O texto, publicado co título IFLA/UNESCO School Library Manifesto: The School Library in Teaching and Learning for All, é as máis das veces a primeira referencia ao falar de bibliotecas escolares xa que o seu eido vai máis alá dun só país; de feito, un dos obxectivos dos seus redactores foi que o documento se espallase o máis posible. Ao noso blogue aínda non había chegado, ata agora. Ademáis do Manifesto deíxovos unhas ligazóns a outros dous documentos: un veu da man do primeiro, as Directrices IFLA/UNESCO sobre a biblioteca escolar, e o outro penso que é tamén de interese, o Manifesto da IFLA/UNESCO sobre a Internet.

Que vos aproveite a lectura, ata outra!


7/9/09

Biblioburro

Non se trata dun xogo de palabras, senón dunha biblioteca ambulante creada por un profesor da comarca de La Gloria en Colombia. Fai xa algo máis de dez anos que o mestre de primaria Luis Humberto Soriano concebiu a idea de percorrer os pobos do norte do país cunha biblioteca móvil cargada sobre o lombo de dous burros, Alfa e Beto. Comezou con oitenta libros, e hoxe, a biblioteca deste profesor dispón de vintedous burros e centos de volumes que en tandas son prestados de nas aldeas da rexión. Sen dúbida, todo isto chama moito a atención, e debería levarnos a valorar os recursos dos que dispoñemos nas nosas bibliotecas, e sobre todo, a facer uso deles. Nesta ocasión, a frase quen llos dera a eles pode ser axeitada. Se queredes coñecer máis sobre os biblioburros aquí vos van unhas ligazóns: un artigo na Wikipedia, o seu canle en YouTube, o blogue, e un artigo no xornal El Pais publicado fai unhas semanas. Déixovos cun pequeno vídeo.

Ata outra!


1/9/09

Veoleo?

Dende a anterior entrada no Blogue pasei dúas follas do calendario, ben certo que o descanso do Verán é sempre boa cousa... imos ao asunto.
Veoleo? Pois é unha páxina que coñecín hai algúns días. Está vencellada ás bibliotecas escolares de Chile e nela podemos atopar tráileres... de libros! Si que é unha curiosa idea, non de películas, de libros. Viaxe ao centro da terra, O fantasma de Canterville, Robinson Crusoe e moitos outros. Polo de agora é posible atopar trinta títulos pero agárdanse máis. Aquí tedes un dos tráileres e a ligazón á páxina.

Un saúdo!