30/5/10

Linuuuuuux!!

¿Que debe haber nunha biblioteca? Sen dúbida, todas esas cousas nas que estades a pensar, e ademais, como centro difusor do coñecemento que é, pois tamén, por exemplo, aquelas alternativas estupendas e de balde ao aparentemente insubstituíble Windows.
Vexamos, voume explicar... Hai algúns días que na Biblioteca podemos ver un segundo ordenador xunto ao que xa tiñamos para o uso dos nosos visitantes. O caso é que non atoparedes nel Windows senón Xubuntu, unha distribución do sistema operativo Linux.
Son moitas as persoas para as que Linux, se é que lles soa, non é máis que algo alternativo ao Windows, pero que só é para eruditos hackers. Pois non, au contraire, Linux é un sistema operativo completamente operativo, e para todos os usuarios, e de balde. O certo é que no momento de precisar un equipo informático, os particulares e as administracións públicas imos moitas veces ao máis doado, unha tenda, unha empresa... e a mercar o que hai que mercar, o que máis ou menos coñecemos e ademais funciona e non ten virus, o Windows, o Word, e se a cousa se pon difícil en canto aos cartos, o Photoshop por exemplo, pois xa haberá alguén que e o teña e poida instalarmo; resultado: unha morea de cartos gastados e un chisco de piratería no noso expediente informático.
...e logo, había outra opción? Pois si, mercar un equipo básico sen sistema operativo, instalar de balde un Linux, e despois o OpenOffice, o Gimp... todos de balde, todos funcionando sen atrancos, e todos con moitos menos virus que co Windows.
Linux é o sistema operativo desenvolvido polo inxeñeiro finlandés Linus Torvalds en 1991. O código fonte de Linux é publico, e dende hai anos é empregado por moitos informáticos para desenvolver diferentes distribucións, que é como se lles chama, que despois son publicadas de balde. E que máis? Pois que xeralmente consumen moi poucos recursos o que permite reutilizar, coma nós, vellos equipos, e que non teñen en xeral problemas de virus.
¿Queda algunha dúbida? Na Biblioteca vos convidamos a botar man ao rato e probar Linux, e xa nos contaredes...
...e para ilustrar, un documental que botaron na 2 fai xa moito tempo pero que leva moi ben os anos.

Un saúdo!



18/5/10

¡¡A derradeira encrucillada!!

Xa temos publicada a terceira encrucillada deste curso. Nesta ocasión, e para que no Verán vos boten fume as orellas de tanto escoitar música, imos sortear estes xeitosos auriculares. Para resolvela tedes ata o Venres 11 de Xuño ás 17'30 que é a data programada para o sorteo. A encrucillada a podedes descargar nesta ligazón ou recollela na Biblioteca.

Ánimo e a ver se vos tocan!

14/5/10

...e nós?

...pois nós, na Biblioteca, organizamos unha pequena exposición cos carteis do CPI de Castro Caldelas, e unha mostra de material galego. Como xa fixemos o ano pasado cos carteis adicados a Ramón Piñeiro, "invadimos" o pequeno corredor que se atopa detrás da Biblioteca e que resulta moi axeitado para unha actividade así. Ademais de todo, sobre a mesa onde se atopa a mostra de material, deixamos unhas pequenas follas cunha lembranza do homenaxeado Novoneyra.

Un saúdo!


17 de Maio!

Xa están aquí as Letras deste 2010, como sabedes adicadas ao escritor Uxío Novoneyra. Non tentarei recoller nesta entrada todas as ligazóns, vídeos, artigos cos que me topo a cada momento sobre Novoneyra, o que sería unha tarefa non abordable. Así que á idea orixinal: unha pequena lembranza a un dos nosos escritores máis representativos do Século XX, estupendo poeta e recitador, ou "dicidor" como él prefería. En canto ás ligazóns, dúas: ao web do escritor, e ao da Real Academia Galega, onde atoparedes un feixe de contido.
E para completar, igual que xa fixemos o ano pasado, os carteis gañadores do concurso que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística como parte da celebración do 17 de Maio. Este ano o centro gañador foi o CPI Virxe dos Remedios de Castro Caldelas, en Ourense. Son quince carteis ademáis dunha guía didáctica que nos permite percorrer a vida do escritor homenaxeado.

Ata máis ver!


9/5/10

Dobrar unha cousa sobre si mesma de forma que unha parte dela quede sobre a outra.

...ou o que é o mesmo, pregar.
Isto foi o que fixemos na Biblioteca durante boa parte da mañá de onte no taller de papiroflexia que levamos a cabo. A experiencia foi estupenda, alumnos e alumnas, unha animosa nai e un profesor transformado en aspirante a monitor de tempo libre, reutilizando catálogos, follas publicitarias e vellas revistas para elaborar figuras desta sempre sorprendente arte.
O certo é que o pasamos moi ben, os rapaces despois de hora e media de traballo non tiñan presa por ir para casa, o que é un bo síntoma, e como resposta acerca da posibilidade de repetir todos dicían que si.
E outra cousa, unha reflexión para nós os docentes: que ben transcorre unha actividade como esta, na que dende o primeiro minuto se aprende a facer facendo...

Un saúdo!




5/5/10

Comecontos?

Como pon nos carteis que están xa colgados polo centro, na Biblioteca queremos premiar ao noso lector ou lectora máis voraz... ao noso Comecontos. Así, ao rematar o curso o que fixera máis empréstitos durante o ano recibirá un pequeno agasallo...

...e o seu nomeamento oficial! As bases do premio as podedes descargar nesta ligazón.

A ver quen o leva...

Un saúdo!

Dúas semanas máis...

Vai ser xa costume... como o pasado ano, volvemos ampliar o prazo de entrega dos traballos no concurso de marcapáxinas. A data límite a levamos ao Mércores 19 deste mes de Maio.

Animádevos a participar!

4/5/10

A outra frauta...

Disque hai música de Telemann ou Vivaldi para a outra frauta! ...para a do colexio! ...que cousa! ...se ese instrumento só vale para interpretar algunhas cancións na clase de música...
Pois non. A frauta de bico é un importante instrumento para o que está escrita moita música, de moitos importantes compositores, e que precisa unha técnica semellante a calquera outro. O caso é que esta frauta a temos equivocadamente asociada ao entorno escolar, a eses instrumentos de baquelita co que pelexábamos de rapaces e abouxábamos aos nosos pais e veciños...
Imos á cuestión, a un recomendable disco que atoparedes nas novidades da Biblioteca: doce Fantasías de Telemann e unha Partita de Bach, todo para frauta de bico sóa, interpretadas polo holandés Erik Bosgraaf.

Ata outra!