30/9/10

IEEE 802.11

Non vos sei moito disto, pero o estraño título desta entrada correspóndese co nome máis técnico da transmisión de datos a través do espectro radioeléctrico, isto tan común do WIFI.
Menuda parrafada para dicir que xa contamos cunha rede sen fíos aberta na Biblioteca; o certo é que xa tocaba, porque hoxe isto do WIFI é algo cotiá que atopamos case en cada recuncho dunha cidade.
A nosa rede estará activa mentres a Biblioteca estea aberta, e esperamos tamén instalar algunhas regletas para que poidades ademais conectar os vosos equipos á outra rede, á da electricidade, que tampouco hai que abafar ás nosas baterías.
Primeira novidade do curso, transmitida.

...ata outra!

28/9/10

Imos aló!

Xa andamos de novo por aquí... o certo é que o comezo do curso come o tempo que aínda vaise indixestar; grupos, horarios e preparar un feixe de cousas na mesma Biblioteca.
O caso é que hoxe abríronse as portas das aulas e tamén as da Biblioteca. Como din os carteis que colgamos polo centro (e non só quere ser unha redacción ben feitiña): esperamos que a Biblioteca siga medrando no seu funcionamento, nos seus recursos e na súa dinamización.
O horario de apertura non se fixará ata as primeiras semanas de Outubro; en calquera caso, todos os días atoparedes aberta a Biblioteca nas horas centrais da tarde. Ata Outubro tampouco será posible solicitar o carné de lector.

Temos unhas cantas novidades no peto, pero xa vos iremos contando, ata outra!

9/9/10

Que hai de novo?

Saúdos a todos, pais, nais, alumnos, alumnas, compañeiros, suscriptores, internautas despistados... ...ao traballo! 11 de Setembro, The Last Night of the Proms. A ver, pouco a pouco. Primeiro os Proms, que son un ciclo de concertos que ten lugar todos os veráns en Londres e que é obrigado coñecer; Proms e a abreviatura de Promenade concerts que foron fundados polo empresario Robert Newman e o director Henry Wood en 1895. Os diferentes concertos celébranse no Royal Albert Hall e teñen como cousa moi singular aos prommers, que son a parte do público que, por verdadeira afección, pasa o concerto de pe pagando unha entrada máis barata.
Os conertos do ciclo máis ou menos son coma os de outros ciclos, pero o derradeiro non; neste o público acode as veces vestido de xeito estraflario, con bocinas e, sobre todo, coa idea de participar no concerto. Ademáis, dende fai tempo outras moitas persoas desfrutan deste derradeiro Prom no Hyde Park, e noutros lugares de Gran Bretaña.
Cada ano a parte final do programa é a mesma; así, sucédense o Pompa e Circunstancia de Elgar, a Fantasía sobre Cancións Británicas do Mar de Wood, o Rule, Britannia! de Arne, despois o Jerusalem de Parry sobre o poema de William Blake, e o himno nacional. E cando todo semella rematado, os prommers comezan o Auld Lang Syne que é seguido sen a orquestra por todos os que alí se atopan. Se se me permite, os momentos musicais máis emotivos de cada ano.
Este 2010 a nosa Radio Clásica ten programado o derradeiro Prom en diferido a causa do Eugene Onegin que se retransmite o Sábado dende o Teatro Real, se comprende; así que será o Domingo ás oito da tarde, ou na BBC o Sábado...
Aquí vos vai a ligazón ao web da BBC na que hai unha morea de información, e o Rule, Britannia! do Prom do pasado ano. Non esquezades o concerto!

Ata outra!