28/4/10

...con cal vos quedades?

Durante esta semana poderemos seguir desfrutando da exposición de citas sobre a lectura, os libros e as bibliotecas que organizamos co gallo do Día do libro, e que instalamos nas trinta e catro portas das aulas do centro. Despois, claro, as citas seguirán aquí, no Blogue. En calquera caso, o que agora vos propoñemos é que votedes pola que máis vos gustase, así que elaboramos unha pequena enquisa á que podedes acceder dende esta ligazón.

Animádevos a participar!

26/4/10

Como dixo...

Aquí tedes os carteis da exposición de citas sobre a lectura, os libros e as bibliotecas que organizamos co gallo do Día do libro. Os podedes ler aquí, baixo estas liñas, ou descargalos nesta ligazón.

Boas lecturas!




23/4/10

Crónica dunha data sinalada...

...co permiso de García Márquez. Hoxe, aínda que de hoxe queda xa pouco, celebrouse o Día do libro e os dereitos de autor. Para nós, na Biblioteca, o día comezaba percorrendo as rúas do centro da cidade e botando unha ollada a eses versos de Rosalía escritos con libros no chan da Praza Maior. Os versos andaban algo fracos a causa da voracidade lectora dalgúns cidadáns de Lugo que, segundo contan, levaban os libros antes de tempo ata en carros da compra. O día continuou no conservatorio, preparando a actividade que programamos para a tarde, unha pequena exposición de citas sobre a lectura, os libros e as bibliotecas. A actividade, que ben podería chamarse unha cita na aula, se cadra outro ano, levounos a min e a uns cantos alumnos e alumnas polo centro adiante pegando carteis nas portas das aulas como se estivésemos nunha campaña electoral, a do libro...? Trinta e catro citas, unha por cada estancia. No percorrido, saíunos ao encontro o noso compañeiro Luis F. Guitián para agasallarnos con dos exemplares dun libro de poemas de Manuel María, moitas grazas!
Os carteis coas citas espero que estean no blogue nun pdf en poucos días, polo de agora vos deixo con algunhas imaxes e unha derradeira cita...

Haberá sempre unha misión para este medio de comunicación que posúe a vantaxe esencial sobre todos os demais de non ser pasaxeiro como eles, senón un perdurable depósito de pensamentos e saberes, accións, sentimentos e fantasías da humanidade, sempre disposto a abrirse novamente.

Svend Dahl
1887-1963, bibliotecario danés
(Traducido ao galego de Historia del libro, ed. Alianza, 1972)

Un saúdo!




21/4/10

Moitas grazas!

Hai dous días chegaba, nun comentario, un agasallo ben xeitoso dos nosos compañeiros e compañeiras da Biblioteca do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes. É o premio Vale a pena ficar de olho nesse blog!, un recoñecemento que obriga a ligar o blogue co que nos otorgara o premio, e con outros dez máis nos que, segundo o noso criterio, tamén vale a pena ficar de olho. Estes son...

19/4/10

Pechada a inscrición!

Moi breve entrada para comunicar que xa temos ocupadas todas as prazas no taller de papiroflexia. O certo é que vos animastes máis do previsto, é na Biblioteca xa andamos a pensar cando poder levar a cabo outro taller... aínda que hai que esperar o resultado deste primeiro, non vaia ser que non demos atinado coas figuras.

Un saúdo!

14/4/10

Papiroflexia!

- Que andas a facer?
- Papiroflexia
- ...o que?
Pasa moi a miúdo, porque isto de andar a dobrar papeles as veces semella unha actividade algo... como se di, friki? Pois non, a papiroflexia é un traballo manual que estimula un feixe de capacidades e destrezas, ademais de ser algo moi entretido e, as veces, útil. Non hai que esquecer tampouco que é esta unha actividade moi económica, tanto que un podería facer papiroflexia sen gastar un patacón só reutilizando os moitos quilos de publicidade que chegan ás nosas casas cada día. Esta actividade, que tamén coñecemos como origami, foi moi practicada por persoeiros como Unamuno, que a chamaba cocotología, ou o pedagogo xermano Fröbel.
E nós na Biblioteca programamos un pequeno taller aberto a toda a comunidade educativa para o Sábado 8 de Maio entre as 11 e as 12'30. O taller está limitado a 15 prazas que se ocuparán por orde de inscrición. Para inscribirvos só tedes que cubrir a folla que atoparedes na Biblioteca e despois entregala no mesmo lugar. Ao pechar a inscrición publicarase a listaxe cos inscritos. E para os que vos quededes sen poder asistir, temos a intención de que este taller non sexa o único.
Unha cousa máis, o web máis fantástico dos que hasta hoxe atopei adicados á papiroflexia; trátase de Origami Club, unha hiperorganizada páxina chea de estupendos modelos de moi distintas dificultades creada polo deseñador gráfico xapones Fumiaki Shingu.

Un saúdo!

11/4/10

II Concurso "Día do Libro" 2010

Xa o temos aquí! o noso segundo concurso "Día do Libro", de marcapáxinas. Este ano o adicamos a historia do rexistro sonoro, dende os cilindros de Edison ata... non sei, as memorias flash? As bases do concurso as podedes descargar nesta ligazón e o prazo de presentación dos traballos comeza este Luns 12 rematando o Mércores 5 de Maio.
E nós esperamos que esta actividade, entre outras cousas, vos sirva para saber algo máis acerca de como ao longo dos anos fomos conservando o son, o que nunha arte como a Música, que se desenvolve no tempo, é algo moi prezado. E xa que estamos con este asunto das conservas de son, déixovos con este vídeo que recolle unha gravación de 1890 na que podemos escoitar as voces de... Tchaikovski e Anton Rubinstein... todo coas necesarias reservas sobre a autenticidade destos primeiros rexistros.

Animádevos a participar!


9/4/10

A biblioteca... de Bach

Segundo parece a biblioteca de J.S. Bach contaba, á morte do compositor, con oitenta volumes. Esta pequena, pero importante colección, serviu ao musicólogo Ramón Andrés para encher as 344 páxinas do libro Johann Sebastian Bach: Los días, las ideas y los libros, un estupendo libro editado por Acantilado e que está nos andeis da nosa biblioteca. Na páxina da editorial que recolle a información do traballo podemos atopar ligazóns ás notas de prensa, que é un detalle para agradecer. A lectura dun libro sobre Bach escrito a partir dos seus libros soa bastante ben, ou non? Un último apuntamento, a imaxe da súa cuberta correspóndese coa pintura Libreria, de Giuseppe Maria Crespi, unha obra que se atopa no Museo internazionale e biblioteca della musica di Bologna, destino recomendable na rede ou na Italia... ollo a súa páxina de presentación.

Ata outra!

3/4/10

Variaciones e máis Variaciones!

Non, non é un erro ortográfico, só estábame a referir á nosa moi coñecida revista Variaciones e dunha nova destes últimos días relacionada con ela. O caso é que agora imos poder ler esta estupenda publicación na Internet, xa que os de Goldberg Ediciones veñen de publicar unha ben xeitosa páxina que recolle todas as novas e artigos da revista e esta mesma para ser descargada. Hai que dicir que para facelo, para descargala, hai que rexistrarse primeiro no web de Issuu, cousa que as veces non chista moito ás persoas. E non esquezades que a revista en papel a podedes seguir levando da nosa Biblioteca tamén de balde...

Ata máis ver!