23/4/10

Crónica dunha data sinalada...

...co permiso de García Márquez. Hoxe, aínda que de hoxe queda xa pouco, celebrouse o Día do libro e os dereitos de autor. Para nós, na Biblioteca, o día comezaba percorrendo as rúas do centro da cidade e botando unha ollada a eses versos de Rosalía escritos con libros no chan da Praza Maior. Os versos andaban algo fracos a causa da voracidade lectora dalgúns cidadáns de Lugo que, segundo contan, levaban os libros antes de tempo ata en carros da compra. O día continuou no conservatorio, preparando a actividade que programamos para a tarde, unha pequena exposición de citas sobre a lectura, os libros e as bibliotecas. A actividade, que ben podería chamarse unha cita na aula, se cadra outro ano, levounos a min e a uns cantos alumnos e alumnas polo centro adiante pegando carteis nas portas das aulas como se estivésemos nunha campaña electoral, a do libro...? Trinta e catro citas, unha por cada estancia. No percorrido, saíunos ao encontro o noso compañeiro Luis F. Guitián para agasallarnos con dos exemplares dun libro de poemas de Manuel María, moitas grazas!
Os carteis coas citas espero que estean no blogue nun pdf en poucos días, polo de agora vos deixo con algunhas imaxes e unha derradeira cita...

Haberá sempre unha misión para este medio de comunicación que posúe a vantaxe esencial sobre todos os demais de non ser pasaxeiro como eles, senón un perdurable depósito de pensamentos e saberes, accións, sentimentos e fantasías da humanidade, sempre disposto a abrirse novamente.

Svend Dahl
1887-1963, bibliotecario danés
(Traducido ao galego de Historia del libro, ed. Alianza, 1972)

Un saúdo!




2 comentarios:

cocodrilo astronauta dijo...

Ola, moi boas! Son unha estudante de Santiago de Compostela, e hoxe tamén ía a xente a recoller libros e máis libros gratis á Praza do Obradoiro. Iso sí que é fomentación de lectura!
Por certo, felicidades polo premio.

Henar dijo...

Foi unha estupenda sorpresa atopar unha cita preciosa na porta da miña aula! Parabéns pola iniciativa... e felices lecturas!